A reforma das piscinas de Campolongo, en Pontevedra, podería comezar xa neste verán

PONTEVEDRA> A reforma das piscinas de Campolongo podería comezar este mesmo verán. A tramitación administrativa deste proxecto encara xa a súa recta final: o goberno local aprobou esta mañá un trámite que permite inicia-lo expediente de contratación. Así as cousas, a obra podería arrancar no mes de xuño.

Hai tempo que a piscina de Campolongo precisa unha reforma e o 2018 semella que vai se-lo seu ano. O goberno local aprobou esta mañá o anteproxecto de explotación, un trámite que permite inicia-lo expediente de contratación. Segundo o voceiro do executivo local, a obra debería estar adxudicada xa no mes de xuño, polo que a reforma arrancaría ó longo do verán.

O anteproxecto recolle que a empresa que resulte adxudicataria do contraro para os vindeiros 20 anos terá que facer un investimento nas instalacións que supera os 3 millóns e medio de euros.

Ademais, na XGL celebrada esta mañá, o executivo municipal deulle luz verde a un proxecto de mellora da accesibilidade na controna do colexio Marcos da Portela, en Monteporreiro. A obra suporá un desenvolso de máis de 218.000 euros, terá un prazo de execución de 4 meses, unha vez adxudicada, e basearase no arranxo das beirarrúas e do pavimento, mellora da sinalización e instalación de lombos.