• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus
SANXENXO> A xunta local de seguridade reuniuse esta mañá en Sanxenxo. Subdelegada do goberno, alcalde da vila e representantes da Garda Civil, da Policía Autonómica e da Policía Local mantiveron un encontro para analizar a situación e as necesidades do municipio de cara o verán. Non en van, Sanxenxo multiplica por seis a súa poboación no verán, converténdose nun punto de atención prioritaria. A seguridade é unha prioridade para Sanxenxo. Tras vinte días na alcaldía, Telmo Martín convocou esta mañá a Xunta Local de Seguridade. Un encontro ao que asistiron a subdelegada do goberno, o alcalde da vila e representantes da Garda Civil, da Policía Autonómica e da Policía Local. No verán a vila multiplica por seis a súa poboación, un feito que a converte nun foco de atención para a Subdelegación do Goberno que, de ser necesario, non desbota incrementar os efectivos na zona. A Garda Civil traballa de xeito coordinado coa Policía Local, que a día de hoxe conta con 49 efectivos que garantirán a seguridade dos visitantes. Principalmente, en dous eidos: regular o tráfico e a movida nocturna. Esta reunión prodúcese despois de que Martín mantivera onte encontros cos propietarios de todos os locais do porto deportivo, para intercambiar opinións sobre os problemas de seguridade que se teñen producido nos últimos tempos. Ambas partes coinciden en que a movida forma parte da oferta do destino, polo que ven necesario garantir que sexa de calidade e en orde.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
SANXENXO> O concello de Sanxenxo regularizará o aparcadoiro na avenida Luis Rocafort durante o verán. No encontro que mantivo coa plataforma de afectados, o alcalde Telmo Martín decidiu atender as súas demandas e limitar o tempo dos estacionamentos. Martín comprometeuse ademais a trasladar á Deputación de Pontevedra outras das súas demandas, nun encontro coa presidenta Carmela Silva para o que aínda non hai data. O concello de Sanxenxo porá límite de tempo ao estacionamento na Avenida Luis Rocafort. A medida estará en vigor durante o verán, e atende a unha das demandas da Plataforma de Afectados. Este foi un dos acordos que se acadaron no encontro que o sábado mantivo o novo executivo coa plataforma veciñal. Unha reunión que o colectivo aproveitou para trasladarlle outras das súas demandas, como o mantemento das prazas de aparcadoiro. Tras este encontro, os veciños quedaron emprazados a unha nova reunión que se produciría despois da agardada entrevista entre Telmo Martín e a presidenta da Deputación, administración encargada da obra. Polo de momento, non hai data fixada. Dende o concello aseguraron que están abertos a ter en conta as suxestións da plataforma de afectados, e comprometéronse a facer novas xestións segundo avancen os contactos coa institución provincial. Os veciños tamén solicitaron ao alcalde que se xestionen as cesións pendentes. Un trámite no que colaboraron entregando os contactos dos que dispoñen.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
SANXENXO> O concello de Sanxenxo presentou aos 24 auxiliares de Policía Local que durante este verán terán como misión garantir a seguridade da vila. O custe de este aumento de efectivos de seguridade ascende a 131.000 euros.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
Máis de 30 militantes abandonan o SAL de Sanxenxo tralo pacto co partido popular. A decisión foi anunciada esta fin de semana. Vanesa Rodríguez, que lidera o movemento, continuará coa súa acta exercendo a oposición. Desde o SAL, Suso Sueiro, continúa asegurando que contan co apoio da maioría das bases. Algo máis de 30, dos setenta militantes do SAL, Sanxenxo Agrupación Liberal, comunicaban esta fin de semana a súa decisión de abandonar o partido. O motivo, o rexeitamento a que Gonzalo Pita, ex alcalde, e outros dous concelleiros da agrupación, Suso Sueiro e Daniel Fernández, decidisen unilateralmente firmar o pacto co partido popular e entregar a alcaldía a Telmo Martín. Vanesa Rodríguez, concelleira que lidera este movemento e que manterá a súa acta como non adscrita, contounos esta mañá que antes de tomar esta decisión tentaron arreglar os problemas dentro da formación. Unha vez que se deron conta, segundo afirma Rodríguez, que era imposible chegar a acordos, tomaron esta decisión. Das algo máis de 30 persoas que abandonarán SAL, once formaban parte da lista electoral coa que o partido concurría ás eleccións de 2015. Sobre este tema quixemos preguntar a Suso Sueiro esta mañá. O concelleiro do SAL asegurounos non ter unha confirmación oficial destas renuncias, e tamén, que a maioría das bases apoio o seu pacto co PP. Sobre os rumores da posible integración no partido popular dos concelleiros que asinaron o pacto con Telmo Martín, Sueiro foi taxante ó afirmar que nada máis lonxe da súa intención, e o que farán é seguir co seu programa velando polos intereses dos vecipos de Sanxenxo .
Publicado en SALNÉS - CALDAS
SANXENXO> Como xa anunciara no pleno de onte, Telmo Martín estreou o seu retorno á alcaldía de Sanxenxo cun encontro coa Policía Local. Durante a reunión Martín trasladoulles que a súa intención é asumir el mesmo as competencias de seguridade cidadá. E é que asegurou que esta materia será unha das prioridades no seu novo mandado, que arrincou onte nun pleno que transcorreu con tranquilidade. Pasadas as oito da tarde, Telmo Martín alzaba por terceira vez na súa carreira política o bastón de mando de Sanxenxo. Fíxoo nun pleno tranquilo, rodeado de familia, amigos e simpatizantes, e cos votos a favor dos edís do Partito Popular, de tres dos catro de SAL, agora socios de goberno, e coa sorpresa da abstención do edil non adscrito, Roberto Carlos Agís. No seu discurso, Martín tendeu a mano á oposición. Pediulles que deixen de mirar tanto pola ideoloxía, para poder traballar e poñer en valor as posibilidades de Sanxenxo. Tras rematar o discurso, o xa alcalde abrazou en primeiro lugar aos edís de SAL. Precisamente foi cun agradecemento a Gonzalo Pita, que o pasado luns renunciaba como rexedor,como comezou a súa intervención. Xa onte Telmo Martín destacaba o peso que vai ter a seguridade cidadá no seu mandato. De feito, hoxe cumpriu o previsto e mantivo o primeiro encontro coa Policía Local. Ademais, el mesmo asumirá estas competencias, que ata o de agora eran responsabilidade da edil de SAL que queda na oposición. Vanessa Rodríguez asegurou estar disposta a renunciar a elas. Mentres, no exterior do concello de Sanxenxo un grupo de veciños reuniuse para protestar contra o nomeamento de Telmo Martín. Aínda que o ambiente foi moito menos crispado que o vivido o pasado luns tralo pleno de renuncia de Gonzalo Pita. Ademais de bicos e apertas dos partidarios, os opositores optaron por recibir a Martín e a Pita lanzando arroz e co berro de “¡Vivan os noivos!”. Tamén se reforzaron as medidas de seguridade, con máis control de Policía Local e Garda Civil na entrada da casa consistorial.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
“Autogolpe de estado democrático”, así cualifica En Marea o acontecido onte no pleno de Sanxenxo no que dimitiu Gonzalo Pita. Luis Villares visitou esta mañá o municipio, acompañando ós membros de Somos Sanxenxo e Sanxenxo Pode, polo que tacharon como un percorrido polas atrocidades urbanísticas de Telmo Martín. Aínda que non conta con representación no concello de Sanxenxo, En Marea demostrou a súa desconformidade ante o que considera un golpe de estado que o Partido Popular está levando a cabo no concello. O voceiro nacional, Luis Villares, dixo durante unha visita ó municipio, que o pacto de goberno entre o xa ex alcalde, Gonzalo Pita, e o alcalde entrante, o popular Telmo Martín, só vén beneficiar os intereses particulares déste. O voceiro de En Marea, criticou tamén durante a súa intervención que este pacto entre PP e o SAL, recolla promesas de obras de ámbito non municipal, polo que considera que tanto Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta, como Alfonso Rueda, vicepresidente, deberían dar conta desta acordo. Villares acompañou ós membros de Somos Sanxenxo e Sanxexno Pode, polo que denominaron como o percorrido das atrocidades urbanísticas de Telmo Martín, que xa foi alcalde do 1999 ó 2006. Tamén fixo referencia ó papel de Temo Martín durante a burbulla inmobiliaria, o deputado de En Marea, Marcos Cal, presente tamén na xuntanza de hoxe. Desde Somos Podemos, quixeron tamén felicitar á concelleira de SAL, Vanesa Rodríguez, por desvincularse deste pacto amosando a súa ética política. Luis Villares rematou lanzando unha mensaxe á cidadanía, asegurando que EnMarea seguirá denunciando este tipo de actuacións, e que son os cidadáns os que, chegado o momento, saberán poñer a cada quen no seu sitio .
Publicado en SALNÉS - CALDAS
SANXENXO> Telmo Martín recuperará mañá o bastón de mando de Sanxenxo. O voceiro do Partido Popular volverá a ser alcalde tralo pacto asinado con tres dos edís de SAL, que deixará ao xa exrexedor Gonzalo Pita como único tenente de alcalde do novo bipartito. Onte Pita oficializaba a súa dimisión durante un pleno bronco tanto dentro como fóra do consistorio. Así informaba Gonzalo Pita do único punto do día que reunía onte ao pleno de Sanxenxo. Tralo acordo asinado co Partido Popular para devolver a alcaldía a Telmo Martín, o xa exrexedor aseguraba ter a conciencia limpa. Segundo Pita, este cambio permitirá conseguir máis proxectos e obras para Sanxenxo. O edil nacionalista David Otero acusouno de ególatra, presidencialista, mentiroso e desleal, e cualificou este cambio como unha "automoción de censura". Para Coral González-Haba, exsocia socialista do tripartito os tres edís de SAL comparten o ADN co Partido Popular. De desleal tamén o cualificou o concelleiro non adscrito Roberto Carlos Agís, exmembro do cuatripartito que naceu das eleccións do 2015. Tampouco ocultou a súa decepción a edil de SAL contraria ao acordo co PP, Vanessa Rodríguez. Ante todas as críticas dos exsocios do cuatripartito, Telmo Martín foi o único valedor de Gonzalo Pita. O voceiro popular pediu respecto ao acordo acadado con SAL, e acusou a David Otero de ser o responsable de romper o tripartito. Mentres a tensión era palpable nas intervencións dos voceiros, fóra da casa consistorial numerosos veciños reclamaban poder entrar ao salón de plenos, pechado para controlar o aforo. A multitude increpou a Telmo Martín e a Gonzalo Pita cando abandonaron o concello, escoltados por axentes da Policía Local. Segundo anunciaron hoxe dende o concello, Martín será elixido mañá alcalde nun pleno extraordinario convocado para as 8 da tarde. Para evitar os problemas de aforon de onte, dende o Partido Socialista xa solicitaron que a sesión se traslade ao auditorio Emilia Pardo Bazán.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
SANXENXO> A concelleira de SAL, Vanessa Rodríguez, manterá a súa acta. Unha semana despois do anuncio da rotura do tripartito e do pacto que entrega a alcaldía ao popular Telmo Martín, a edil entende que a súa oposición ao acordo representa á maioría da formación independente. Unha postura que, asegura, respaldou onte a asemblea de afiliados. Con 23 votos en contra do pacto co PP, tres a favor e un en branco, a edil Vanessa Rodríguez considera refrendada a súa oposición ao acordo que entrega a alcaldía ao popular Telmo Martín. Á asemblea convocada onte pola xunta directiva de SAL acudiron o 40% dos militantes da formación. Tralo seu pronunciamento en contra do acordo, Rodríguez asegura que manterá a súa acta, aínda que cesará nas súas funcións dentro do goberno e traballará na oposición. Ante a situación que se está a vivir en Sanxenxo, Vanessa Rodríguez recoñece que marchar sería a opción máis sinxela. Porén insistiu no seu compromiso cos veciños e con SAL, aínda que non ocultou a súa decepción coa postura dos seus compañeiros no goberno. A preguntas sobre o futuro de SAL, Rodríguez asegurou que é un traballo que non pode facer soa. Rodríguez tamén asegurou que non teme unha posible expulsión da formación. Así as cousas, de producirse, insistiu que aceptaría a decisión.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
SANXENXO> Vanessa Rodríguez ve respaldada a súa postura contraria ao pacto co Partido Popular trala asemblea de onte. Porén, Gonzalo Pita, Jesús Sueiro e Daniel Fernández volveron poñer en dúbida a súa validez. Insisten en que non se convocou en tempo nin forma, e acusan á xunta directiva de secuestrar as siglas de SAL. Para Gonzalo Pita, Jesús Sueiro e Daniel Fernández, a asemblea de onte foi un secuestro das siglas de SAL. Insisten, ademais, en que a cita non foi convocada en tempo e forma. Tamén en que a decisión de asinar o pacto co Partido Popular foi tomada pola maioría dos edís de SAL na corporación, tal e como se fixo no momento de asinar o acordo que deu forma ao cuatripartito tralas eleccións do 2015. Sobre o futuro de Vanessa Rodríguez dentro do partido, ningún dos tres edís se pronunciou, e remitíronse a unha asemblea de SAL que se convocará proximamente. Pita, Sueiro e Fernández recoñeceron que se están a vivir momentos de tensión dentro da formación. De feito, esta mañá Sanxenxo amenceu con multitude de folletos acusándoos de transfuguismo. Segundo explicou Pita, este feito xa está denunciado na Garda Civil, e asegurou que non tolerarán insultos e ameazas. Sobre o futuro da corporación, o luns celebrarase o pleno no que Gonzalo Pita presentará a súa renuncia. Nese momento, Daniel Fernández asumirá as súas competencias como primeiro tenente de alcalde, e abrirase un prazo dun máximo de dez días para convocar o pleno no que Telmo Martín asumirá a alcaldía de Sanxenxo.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
SANXENXO> Esta mañá tamén se pronunciou o BNG sobre a situación que se está a vivir en Sanxenxo. A formación local viuse respaldada hoxe pola visita da súa voceira nacional. Para Ana Pontón, o acordo entre SAL e PP é un pelotazo á democracia. Ademais, os nacionalistas ven intereses urbanísticos detrás deste pacto. A voceira nacional do BNG respaldou hoxe en Sanxenxo aos seus compañeiros da formación a nivel local. Para Ana Pontón, o sucedido no municipio demostra o nerviosismo do Partido Popular de cara as vindeiras eleccións. Segundo o edil David Otero, non se coñecen os verdadeiros motivos que levaron aos tres edís de SAL a entregar a alcaldía a Telmo Martín. Para os nacionalistas, detrás do novo bipartito que dirixirá Sanxenxo hai intereses urbanísticos. O edificio ao que se referiu Otero é o coñecido como Valle Inclán, construído no Paseo de Silgar. Esta mañá, o edil de Urbanismo Daniel Fernández, informou que no mes de decembro a comunidade de propietarios do inmoble presentou un estudo de detalle no concello para a consolidación da fronte marítima. Solicitude que, asegurou, era coñecida polo voceiro do BNG. Pola súa banda, Pontón defendeu que o BNG continuará traballando para ofrecer unha alternativa aos veciños que seguen apostando polo cambio democrático.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
SANXENXO> Roberto Carlos Agís, ex socio de goberno de Gonzalo Pita, recoñece que non lle sorprende que Telmo Martín se converta en alcalde de Sanxenxo, pero critica que Gonzalo Pita forme parte do novo "bipartito".
Publicado en SALNÉS - CALDAS
PONTEVEDRA> A rotura do goberno tripartito de Sanxenxo continúa de actualidade. Esta mañá pronunciáronse dende o Partido Popular Provincial, que non dubidan en sinalar á Deputación como responsables desta crise. Para o PP, as risas, os insultos e, aseguraron, a prepotencia do bipartito provocaron a fin do acordo de goberno. Os deputados populares non dubidan en sinalar ao goberno da Deputación de Pontevedra como o responsable da rotura do tripartito de Sanxenxo. Arévalo respaldou a postura de Gonzalo Pita sobre a obra da avenida Luís Rocafort; proxecto que foi o detonante dos desencontros entre os socios de goberno. Pola contra, acusou ao bipartito de rirse e insultar ao aínda rexedor de Sanxenxo. Os deputados aseguraron que Pita solicitara unha reunión na Deputación que non se atendeu. Descartan que a rotura viñera dada polo desacordo na construción de 19 prazas de aparcadoiro na avenida Luis Rocafort. Tamén esixiron ao goberno provincial que deixe de buscar responsable no Partido Popular, e que atenda a unha provincia que, aseguraron, está descontenta e decepcionada.
Publicado en PONTEVEDRA
Páxina 1 de 15
HomePONTEVEDRAMostrando artigos por etiqueta: Sanxenxo Top of Page

Síguenos en facebook