A CIG agarda un apoio masivo á folga feminista do 8M

VILAGARCÍA> A CIG quenta motores para a folga feminista do vindeiro 8 de marzo. Esta mañá, a central nacionalista celebrou unha concentración en Vilagarcía para evidencia-la discriminación das mulleres no ámbito laboral. O sindicato aproveitou para facer un chamamento ás mulleres para secunden a folga convocada para o Día da Muller.

O vindeiro 8 de marzo, no Día Internacional da Muller Traballadora, a CIG quere evidenciar unha realidade: cando as mulleres paran, o mundo ten que parar. Esta mañá, a central celebrou un acto previo a esa xornada de folga ás portas da Seguridade Social, en Vilagarcía. O acto serviu para evidencia-la discriminación á que se ven sometidas as mulleres, especialmente no ámbito laboral.

A CIG fai un chamamento ás mulleres a que apoien a folga feminista do vindeiro xoves. Aínda que convocatoria de folga vai dirixido ás mulleres, dende a CIG convidan tamén ós homes a que apoien, dende  un segundo plano, estas reivindicacións. Todo, din, para lograr unha verdadeira igualdade de xénero, no mundo laboral e na sociedade.