Costas acometerá este ano o arranxo do paseo marítimo de Esteiro

    MUROS> Na actuación investirase ó redor dun millón de euros. Despois de numerosas solicitudes e tempos de agarda, que mesmo levou ó Concello a pechar a zona debido ó seu estado de deterioro, coa conseguinte perigo para os usuarios, a reforma do paseo marítimo de Esteiro será logo unha realidade. Segundo informou a voceira do grupo municipal do Partido Popular, Inés Monteagudo, a actuación iniciarase xa este ano, ou iso é o compromiso adquirido por parte do Goberno Central. Monteagudo, acompañada pola deputada no Congreso, Marta González, mantivo unha reunión en Madrid coa Directora Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, Raquel Orts, e co Subdirector Xeral para a Protección da Costa, Ángel Muñoz Cubillo, na que se comprometeron a acometer a dita mellora este mesmo ano, destinando a tal fin un orzamento duns 980 mil euros. A actuación permitirá a reposición do pavimento, mediante un material non perecedoiro e seguro para os viandantes.