DATOS OFICIAIS: 77.000 hectáreas arrasadas, segundo Medio Rural

    GALICIA > Doce xornadas de incendios masivos, con máis dun cento cada día, deixaron tras de si 77 mil hectáreas de monte queimadas. É o balance oficial dado na tarde do mércores pola Xunta. Son cálculos provisionais cun marxe de erro do 5 por cento segundo indica o goberno galego, pero desde a Comisión Europea o balance aumenta ata 86 mil o número de hectáreas arrasadas polo lume.

    O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, fixo público o balance oficial sobre a superficie queimada durante a vaga de incendios que asolou Galicia entre o 4 e o 15 deste mes, que ascende a 77 mil hectáreas. Por provincias, Pontevedra e A Coruña foron as máis afectadas con 38.500 hectáreas queimadas a primeira e 28.000 a segunda. Son datos provisionais, cun marxe de erro do 5 por cento, segundo indicou Medio Rural.

    O presidente da Xunta indicara pola mañá que se avaliarán os danos cos concellos no Consello da Xunta extraordinario do próximo día 24. Pérez Touriño destacou a intencionalidade de moitos destes lumes polos que se detivo a 30 persoas que, en boa parte, eran conscientes e plenamente responsables de queimar o monte.

    A Comisión Europea deu a coñecer tamén o balance realizado polo Centro Europeo de Información Forestal. Estima que os incendios superiores a 50 hectáreas queimaron en Galicia algo máis de 86 mil hectáreas entre o pasado 31 de xullo e o 14 deste mes. O cálculo baséase nas imaxes obtidas por satélite. Á vez que se coñecen os balances de superficie queimada, empezan a anunciarse medidas de apoio.

    A Consellería do Medio Rural coordinará a través dunha Comisión de Emerxencia un operativo de auxilio inmediato á gandería extensiva afectada polos incendios. Para a recollida de cadáveres e avaliación de animais ferido habilítase o teléfono do Centro de Información ó Agro Galego 902 112 000, e para o subministro de auga e forraxe ós rabaños que o precisen, os gandeiros deben acudir ás Oficinas Agrarias Comarcais.

    Algúns concellos como o de Ribadumia porán en marcha a partir de mañá unha oficina para atender as queixas e tramitar posibles indemnizacións.

    Redacción Salnés