Depoemprende promove a iniciativa empresarial entre alumnos de primaria, ESO e FP

PONTEVEDRA> Máis de 500 estudantes de 25 centros educativos da provincia participan este curso no programa Depoemprende na escola. A iniciativa da deputación de Pontevedra ofrece formación relacionada con emprendemento para fomentar a iniciativa empresarial entre os máis xoves.

Depoemprende na escola, na ESO e na FP afronta neste curso o seu terceiro ano. Dende que comezou no 2016, participaron no programa preto de 1.500 alumnos de 37 centros pertencentes a 19 concellos da provincia. Carlos López Font fai un balance positivo dos resultados que está a dar e insiste en que é unha iniciativa necesaria, pola carencia de formación para o emprendemento no currículo escolar.

O obxectivo é formar ás novas xeracións nas competencias que lles serán máis útiles na sociedade actual e do futuro.

Neste curso participan en Depoemprende 553 estudantes de 25 centros educativos, pertencentes a 15 concellos. Desenvolvese en tres categorías: na escola, dirixido a  alumnos de 5º e 6º de Primaria; na ESO, para alumnos de 3º e 4º de Secundaria; e na FP.

En todas elas se imparte formación de carácter moi práctico. En primaria crean e xestionan unha cooperativa para a fabricación dun produto concreto; en secundaria estudan iniciativa emprendedora; e na FP crean proxectos empresariais concretos, enfocados á empregabilidade.