Divorcios e separacións centran as consultas no Servizo de Asesoramento

    RIBADUMIA > O Servizo de Asesoramento Xurídico, que ofrece orientación ós colectivos da muller e dos inmigrantes e emigrantes retornados, deu resposta durante o pasado exercicio a un total de 176 solicitudes.

    Desta cantidade, o 74% corresponderon a dúbidas presentadas por mulleres, dúbidas principalmente relacionadas cos convenios reguladores de divorcio e separación, o 27%; xustiza gratuíta, 13%; ou herdanzas, 10%. Outras das preguntas presentadas á avogada foron relacionadas por incapacidade de persoas, embargos de bens, consultas sobre pensións non contributivas, materia laboral, regulación de parellas de feito, lei de dependencia ou adopción de menores.

    En relación ós estranxeiros, seis de cada dez usuarios do servizo fixeron consultas sobre a nacionalidade, mentres que o 46% preocupáronse pola regulación dunha situación irregular. Un dez por cento menos solicitaron documentación sobre o proceso de reagrupación de familiares, mentres que o 26% interesáronse pola renovación de tarxetas de residencia. Xa en menor medida, houbo tres consultas sobre problemas cos contratos de traballo e dúas sobre actividades culturais.

    A avogada do Servizo de Asesoramento Xurídico atendeu a unha media de 3,6 persoas nos 48 días de atención ó público, xa que este servizo desenvólvese os xoves na Casa do Concello. Desde a Concellería de Servizos Sociais, a edil Lidia Álvarez resalta a súa satisfacción ‘polo bo funcionamento deste programa, xa que supón un paso importante para ofrecer asesoramento personalizado a dous colectivos que requiren unha importante atención por parte de Servizos Sociais.

    Ademais, este programa reforzarase coa publicación dunha guía para os estranxeiros que residen en Ribadumia e que recollerá as cuestións que máis preocupan a este colectivo, de acordo coas principais dúbidas que presentan neste Servizo de Asesoramento Xurídico, e que están centradas en materia de entrada, residencia e traballo en España. O obxectivo será nos dous casos o mesmo: favorecer a integración sociolaboral no municipio dos inmigrantes e emigrantes retornados.

    Redacción Salnés