Presentada a guía para a prevención de danos para as traballadoras do mar

    RIBEIRA> O traballo foi presentado pola conselleira de Traballo, Beatriz Mato, durante o acto de entrega de diplomas ás participantes nos obradoiros de fisioterapia preventiva. O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da consellería de Traballo e Benestar, presentou en Ribeira unha guía de prevención de danos musculo-esqueléticos para as traballadoras do mar.A encargada de dar a coñecer esta nova ferramenta de traballo foi a propia conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. Na súa intervención sinalou que a nova guía virá a apoiar e facilitar a formación e a prevención nos trastornos músculo-esqueléticos, que poden estar provocados entre outros aspectos por sobreesforzos ou malas posturas durante as xornadas de traballo de mariscadoras e redeiras. A titular de Traballo fixo referencia tamén os programas desenvolvidos pola Xunta de Galicia a través do ISSGA nos últimos anos como a análise de riscos e recoñecementos médicos que se fixo a mais de 1.000 mariscadoras e redeiras; a elaboración dun estudo epidemiolóxico no marisqueo a pé para detectar as causas das enfermidades relacionadas co traballo no sector; ou a presentación, en 2012, da guía de boas prácticas no marisqueo a pé con pautas básicas para o seu traballo diario. Beatriz Mato participou tamén na entrega dos diplomas dos 17 obradoiros de fisioterapia preventiva realizados por toda Galicia, unha experiencia na que tomaron parte máis de 180 traballadoras do mar e que tiña coma principal evitar posibles accidentes e enfermidades mediante técnicas de prevención.