Leiceaga pide maior implicación da Xunta no deseño dun Plan de Xestión Marisqueira

    RIANXO> O voceiro do PSdeG-PSOE fixo esta mañá unha visita ós Lombos do Ulla, a onde acudiu en compaña de varios patróns maiores e representantes de Confrarías arousás para analizar a caída da produción nesta zona de libre marisqueo. No encontro mantido en Rianxo, Fernández Leiceaga aludiu tamén á necesidade de que se estremen os controis de contaminación na Ría e que se actualicen os estudos sobre a produtividade marisqueira na zona, xa que os últimos foron realizados hai xa quince anos. Máis duro se mostrou o patrón maior rianxeiro, Miguel Ángel Iglesias, quen xunto as patroas maiores de Vilanova e Cabo de Cruz, María José Vales e Raquel Soto, respectivamente, acompañou ó voceiro socialista na súa visita ós Lombos do Ulla. Iglesias reclamou actuacións urxentes para mellorar a produtividade dos Lombos e por extensión a de toda a Ría, da que viven moitas familias. O patrón maior rianxeiro lamentou tamén que a campaña do ano que vén vai estar condicionada pola escasa produtividade, polo que, segundo el, será novamente un ano perdido.