‘Life’ xa ten unha nova vida

PONTEVEDRA> Fai pouco máis de dous meses dabámoslle conta neste informativo dun brutal caso de maltrato animal que chegaba a protectora pontevedresa Os Palleiros. Un can ao que deixaran abandonado e encerrado de tal forma que perdera a maior parte do pelo, toda a súa masa muscular e que estaba a piques de morrer. Hoxe 70 días despois podemos dicir que con moitos coidados este can conseguiu recuperarse totalmente e xa ten unha familia que lle dará un fogar. Dende a protectora continúan cos seus proxectos para recadar fondos cos que axudar aos outros 150 cans que teñen.

 

“Life” chegou a Os Palleiros o pasado 3 de abril tras unha chamada do Seprona. Un caso brutal de maltrato animal que conmocionou ao persoal da protectora e tamén ás redes sociais e a toda unha comunidade que se volcou co animal para tratar de que saira adiante.

Tras dous meses de coidados e de mimos dende a veterinaria de Os Palleiros xa recibiu a alta médica e durante todo este tempo “Life” converteuse no príncipe da protectora.

Agora unha familia espera para adoptalo, unha familia que casualmente tamén foi a adoptante do can que protagonizaba un dos vídeos máis virais durante o ano pasado cando os seus donos foron gravados mentres o abandonaban tirándoo por riba do peche da protectora.

Pero en Os Palleiros o tempo non se para e xa están buscando outras maneiras de conseguir fondos para sacar adiante aos outros 150 cans que teñen na protectora.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/06xunho/16/palleiros_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/06xunho/16/palleiros.mp4{/flowplayer}