Partido crucial para o Boiro este domingo ante o Guijuelo

    BOIRO> Os boirenses viaxan a este choque coa necesidade de conseguir unha vitoria que os alonxe dos postos de descenso. Rival directo o que terá este próximo domingo o Boiro. Os de Fredi enfrontaranse ó Guijuelo. Un conxunto que ocupa actualmente postos de descenso directo. Son décimo sétimos na clasificación con 31 puntos, dous menos que os boirenses, aínda que nas dúas últimas xornadas encadearon dúas vitorias consecutivas. O Boiro necesita imperiosamente a vitoria para alonxarse dos postos de perigo. Máxime despois das últimas tres xornadas disputadas, nas que só sumaron dous puntos, con dous empates na casa e unha derrota fóra. Para este partido os boirenses contarán cunha baixa importante, a do seu medio Borja Yebra, un dos habituais da partida, e que se perderá o encontro por acumulación de tarxetas. Na ida en Barraña acabaron con empate a dous goles, polo que de ganar o Boiro tería tamén o gol average ó seu favor. Un aspecto tamén importante e a ter en conta debido ás circunstancias actuáis de ambos equipos. O encontro está fixado para este domingo ás seis e cuarto da tarde. Polo que se refire ó resto de equipos galegos nesta categoría cabe destacar os partidos que enfrontarán ó Mutilvera co Coruxo, ó Celta B coa Ponferradina e o Pontevedra co Tudelano. Outros choques serán Racing de Ferrol-Osasuna B e Racing de Santander-Somozas.