189 arousáns máis ó paro

    SALNÉS> Como cada primeiros de mes, os datos do paro sacoden a economía, nesta ocasión de xeito desigual a nivel galego e estatal. Por primeira vez desde que se empezaron a elaborar as estatísticas baixa o número de desempregados no estado nun mes de novembro. Todo o contrario ocorreu en Galicia. O mes pasado pechou con 2.629 persoas máis sen traballo que outubro. A tendencia no Salnés e no Barbanza, idéntica á autonómica: case 200 persoas foron ó paro. Novembro deixou uns rexistros do paro avaliables de xeito positivo ou negativo dependendo da ollada coa que se mire e do sector do que proceda a análise. Desde o goberno central non evitan certo optimismo e sorpresa ante o descenso xeralizado do desemprego. O primeiro que se produce nun mes de novembro desde hai 17 anos. O número de parados a nivel estatal baixou en 2.475 persoas con respecto a outubro deixando as listas do INEM con 4.808.908 parados. Non se seguiu a mesma tendencia a nivel galego. Aquí 2.629 persoas perderon o seu traballo en novembro e xa son máis de 270.854 os galegos que non teñen emprego. A pesar desta suba, o executivo galego pon o acento na comparativa entre anos. Din na Xunta que esta é a primeira vez desde o 2007 na que o paro sobe tan pouco nun mes de novembro. Argumentos que non convencen ós sindicatos, e menos se ollamos os rexistros acadados en Arousa. Na comarca do Salnés o número de desempregados subiu en 115 persoas con respecto a outubro. Por concello, a perda de traballos foi máis acusada no Grove, Sanxenxo, e Vilagarcía, mentres que municipios como Vilanova, Cambados ou Meaño desmarcáronse creando algún emprego. No caso do Barbanza, 74 persoas quedaron sen traballo. Para os sindicatos, unha mostra máis de que as políticas laborais do goberno central non son as axeitadas. Estes datos do paro chegan precedidos polos ecos unha nova reforma laboral na que se traballa desde o goberno central. Os sindicatos amósanse escépticos ante o seu resultado. Por provincias, Pontevedra rexistrou o maior aumento do paro en novembro, con 1.159 persoas máis que en outubro, seguida de Lugo, A Coruña cunha suba de 350 e Ourense. Por sectores, de novo os servizos son os que máis nomes suman ás listas do INEM. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/03/PARONOVEMBRO.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/03/PARO_NOVEMBRO_2013.mp4{/flowplayer}