• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus

O concello de Poio liquida as súas contas de 2016 con saldo positivo

Abr 06 Escrito por 
POIO> O concello de Poio fixo esta mañá un balance moi positivo sobre a liquidación dos seus orzamentos de 2016. Cun remanente de tesourería de preto de dous millóns e medio de euros, o alcalde agarda que os presupostos deste ano se aproben no pleno deste mes de abril. Esta mañá o concelleiro de Facenda de Poio acompañado polo alcalde fixo públicos os datos da liquidación dos orzamentos correspondentes ó 2016. A valoración foi positiva. Dos algo máis de once millóns de euros que se presupostaran o ano pasado, a recadación que se fixo foi de 12,564.00o euros. Boas novas tamén no que se refire ó remanente de tesourería, importante xa que aporta unha idea do nivel de execución do orzamento, é de 2 millóns 300 mil euros. O aforro neto no concello poiés o ano pasado foi de 900.000 euros, a diferenza entre os ingresos correntes e os gastos correntes. Relevante tamén porque reflexa o que o concello pode investir. O concelleiro tivo ocasión tamén de criticar a “Regra de gasto” do estado, que provoca que os dous millóns 300 mil euros que teñen de remanente, só poidan investir no municipio 1 millón de euros, debido ás políticas de contención do goberno central. O alcalde de Poio salientou tamén a boa xestión do concello. Luciano Sobral destacou tamén que en seis anos nas que non se revisan as taxas á alta, e aproveitou para anunciar que teñen a intención de aprobar os orzamentos deste 2017 no vindeiro pleno de finais do mes de abril.
Etiquetado como Salnés    Poio    orzamentos 2016    Liquidación   
Publicado en SALNÉS - CALDAS
Modificado por última vez no Xoves, 06 Abril 2017 18:50

Artigos relacionados (por etiqueta)

  • Un cerqueiro afúndese tras colidir cunha batea entre a illa de Tambo e Combarro
    POIO> Dramático suceso o que acontecía a pasada madrugada en Combarro. Un cerqueiro afundíase na ría de Pontevedra despois de colidir cunha batea, por causas que aínda se descoñecen, no entorno das 04:30 da mañá. A tripulación do Nuevo Marcos estaba formada por cinco veciños moi coñecidos da parroquia poiense de Campelo.
  • Falecen tres mariñeiros poienses ao afundirse a súa embarcación fronte a Combarro
    POIO> O afundimento cobrouse a vida de tres dos seus cinco tripulantes. Foi no entorno das 10:00 da mañá cando se localizou a nave afundida a uns 15 metros de profundidade polos buzos da Garda Civil. A pesar disto non foi ata o medio día cando o corpo sen vida do último dos tripulantes que faltaba por aparecer chegou a terra escoltado polos GEAS da Garda Civil.
  • Tonucci analiza o proxecto educativo do CEIP Viñagrande
    VILANOVA> Tras presentar a exposición en Pontevedra, o pedagogo italiano iniciou o seu periplo pola comarca de O Salnés. Francesco Tonucci visitou o colexio vilanovés Viñagrande de San Miguel de Deiro, un centro no que non ocultaron a súa admiración polo traballo deste experto. De feito xa aplican algunhas das súas ideas. O colexio Viñagrande de San Miguel de Deiro presumiu esta mañá de proxecto educativo. O centro estreou este ano novas propostas baseadas, en gran medida, nos postulados do pedagogo Francesco Tonucci. Hoxe, o italiano visitou a escola vilanovesa. Incorporar o exercicio físico nas primeiras horas lectivas, mesturar nenos de diferentes idades e crear contextos de aprendizaxe diferentes, son algunhas das propostas coas que traballan en Viñagrande. Para o pedagogo italiano, o profesorado do centro vilanovés vai polo bo camiño na aplicación destes novos xeitos de aprendizaxe. Cambios que deben dirixirse, sobre todo, aos alumnos máis débiles. A realización de programas de televisión ou de radio e a creación de revistas para facer público os traballos dos cativos, ou a aposta pola biblioteca como centro de expresión plásticas e doutras linguaxes, son algunhas das propostas de Tonucci que xa se aplican no día a día de Viñagrande.
  • Pita, descontento coa xestión da Deputación da reforma de Luis Rocafort
    SANXENXO> O concello de Sanxenxo, descontento coa xestión da Deputación de Pontevedra das obras da rúa Luis Rocafort. Esta mañá, o alcalde denunciaba que non recibira resposta á súa petición de facer 20 prazas de aparcadoiro en batería; unha solicitude que, ademais, trasladara a plataforma veciñal que se opoñía ao proxecto provincial. Gonzalo Pita insistiu en que el estará do lado dos veciños. Rompeuse a boa sintonía entre o concello de Sanxenxo e a Deputación de Pontevedra na reforma da avenida Luis Rocafort. Hai varias semanas, o alcalde trasladou ao organismo provincial a petición de facer 20 prazas de aparcadoiros en batería; solicitude que non tivo resposta. A proposta suporía a redución da beirarrúa de 6 a 4 metros no treito que transcorre entre o centro de saúde e o centro de Telefónica. Deste xeito, tamén se atendería á petición da plataforma veciñal que pedía máis aparcadoiros na zona, chegando ás 120 prazas. Tamén preocupa a dificultade que vehículos grandes, como autobuses, poden ter para entrar na rúa dende o paseo de Silgar. Por iso Pita pediu incorporar estes cambios, asegurou que o goberno local non vai consentir a paralización das obras, e recordou que as arcas municipais achegan o 30% do financiamento. Esta non é a única xestión da Deputación que non gusta ao goberno local. Tamén critican que case dous anos despois de facerse co executivo provincial, non haxa novas sobre o futuro da estrada de Dorrón. Por todo, o rexedor considera esgotada a vía diplomática. Pola súa banda, dende a Deputación de Pontevedra non quixeron facer declaracións.
  • O PP desaproba 'con rotundidade' a retirada da estatua de Fraga
    CAMBADOS> Tres días despois da retirada da estatua de Manuel Fraga dos xardíns de Torrado, a decisión do goberno cambadés continúa a colear. Como era de agardar, a medida non gustou ao Partido Popular. Dende a formación defenderon a figura do expresidente da Xunta, destacando o seu apoio ao sector vitivinícola. Hai tres días que a estatua de Manuel Fraga non ocupa o lugar dos xardíns de Torrado no que fora instalada no 2012. Como era de agardar, a decisión do goberno de Cambados non gustou ao Partido Popular da vila. Para os populares, a intención dos viticultores non era destacar a faceta política de Manuel Fraga, senon o seu papel como defensor do sector vitivinícola da zona. Por iso, aseguran que botar man da Lei da Memoria Histórica para xustificar a retirada da escultura é un "sen sentido". Dende a formación aseguran que están a recoller o malestar de moitos veciños de Cambados e, segundo explicou Luis Aragunde, van estudar as posibles medidas a tomar.
  • Medio milleiro de sinaturas para mellorar o Parque da Coca
    VILAGARCÍA> Os veciños da Coca, en Vilagarcía, esixen melloras para o parque. A plataforma conseguiu recoller preto de 500 sinaturas contra o composteiro que o concello pretende instalar nesa zona. Unha oportunidade que aproveitaron para denunciar o abandono do entorno. Con case medio milleiro de sinaturas, os veciños do Parque da Coca oficializaron a súa oposición ao composteiro que o concello quere instalar na zona. Non gusta a ubicación, pero tampouco lles convence a xestión do concello. Critican que o goberno local non falou cos veciños para escoller a ubicación dos composteiros. As sinaturas xa están no concello dende o pasado venres, cando as presentaron por rexistro. Ademais, os veciños aproveitaron a oportunidade para reclamar máis melloras no Parque da Coca; un entorno rico pero que ven abandonado pola administración local. A limpeza de maleza nalgunhas das parcelas do entorno e a restauración dos muíños para uso público como valor etnográfico da Vilagarcía rural, son outras das peticións que recolleron os veciños no documento presentado no concello. Peticións que, a día de hoxe, seguen sen resposta.
HomeSalnés - CaldasO concello de Poio liquida as súas contas de 2016 con saldo positivo Top of Page

Síguenos en facebook