• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus

Multitudinaria procesión na Romaría das Cabezas da Armenteira

Abr 17 Escrito por 
Último día das celebracións da Semana Santa e aínda festivo nalgúns concellos das Rías Baixas, como é o caso de Meis. Esta mañá nos arredores do Mosteiro da Armenteira, milleiros de fieis e visitantes quixeron unirse á celebración da súa tradicional Romaría das Cabezas. Unha festividade na que a relixión e a troula comparten cartel. Dín que quita os males de cabeza…e por iso, por se acaso, hai que vir cada luns de Pascua a esta Romaría da Armenteira, en Meis. A tradicional xornada comeza a primeira hora da mañá, cando veciños e foráneos empreden a camiñata para chegar ata o Mosteiro da de Santa María da Armenteira, na ladeira do Monte Castrove. Unha peregrinación na que participan veciños de tódalas idades, representantes políticos, devotos ou calquera visitante con ganas de coñecer unha das romarías máis multitudinarias do Salnés. Seguindo a Ruta da Pedra e da Auga, chegamos ó destino, convertido nun fervedoiro de xente onde atopamos romeiros chegados de todas partes do mundo. E é que motivos para vir á Romaría das Cabeza, hai dabondo. Trala misa solemne, chega o momento máis emotivo, a procesión na honra á Virxe. Ogallá cumpra as peticións de cada fiel a Nosa Señora. Pero fieis tamén os hai cada ano, ós postos de polbo e churrasco que rodean sempre o mosteiro. Xa escoitaron, unha cousa é velo pola televisión, e outra vivilo en persoa. Téñano en conta para o próximo luns de pascua…Romaría das Cabezas, na Armenteira.
Etiquetado como Salnés    Meis    romaria das cabezas    Armenteira    procesion   
Publicado en SALNÉS - CALDAS

Artigos relacionados (por etiqueta)

  • Emerxencias de Vilagarcía estrea dous novos vehículos para a loita contra o lume
    O concello de Vilagarcía presentou esta mañá as dúas incorporacións do Servizo de emerxencias e Protección Civil do municipio. Trátanse de dous vehículos especiais para traballar en incendios forestais e zonas de difícil acceso con máis garantías. Os Servizo de Emerxencias e Protección Civil do municipio xa conta entre a súa flota con dous novos vehículos, que veñen de ser reformados para converterse en dous efectivos especiais e fundamentais para mellorar a eficacia nos traballos antiincendios. A outra importante dotación é do novo vehículo cisterna, tras pasar por unha reforma. O alcalde destacou a labor deste servizo contra os lumes, pero quixo tamén facer fincapé na concienciación cidadá á hora de evitar a aparición de incendios. Estes dous novos vehículos, que supuxeron duns 150.000 euros aproximadamente, estiveron ó longo da mañá expostos na praza da Segunda República, xunto co resto da frota de emerxencias municipais, chamando a atención dos veciños vilagarciáns, sobre todo, dos máis pequenos da casa.
  • Sanxenxo inaugura Redecinema coa proxección de "Maimiño"
    SANXENXO> A Secretaría Xeral de Política Lingüística e o concello de Sanxenxo, adherido á rede de Dinaminación lingüística, presentaron esta mañá na localidade do Salnés, unha nova edición do programa de cinema de verán Redecinema, que busca promover a creatividade e os produtos culturais na nosa lingua. Aumentar a oferta de produtos de cultura e de ocio en galego, e impulsar a creatividade con base na nosa lingua. Son os obxectivos que persegue Redecinema, o programa que organiza a Consellería de Cultura, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e que esta mañá se presentou en Sanxenxo, un dos concello membros da Rede de Dinamización Lingüística . Maimiño será a película que inaugurará Redecinema, será este sábado día 22 ás dez e media da noite na Praza dos Barcos de Sanxenxo. Pero esta película, ademais doutras dúas galegas, a praia dos afogados, e 9 ondas, seguirán de ruta todo o verán, tal e como destacou o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García. García subliñou tamén a importancia de poñer en valor o sector audiovisual galego con este programa. Redecinema leva percorrendo a través de diferentes filmes os concellos da Rede de Dinamización Lingüística. Un total de 16 localidades acollerán este ano as proxeccións das tres películas en formato de cinema de verán. Entre elas outros concellos das Rías Baixas, como Boiro, Noia ou Marín.
  • Costas financiará a reforma do paseo marítimo de Vilagarcía despois do verán
    As obras de reforma integral do paseo marítimo de Vilagarcía a Carril comezarán despois deste verán, e serán financiadas por Costas ó cen por cen. Así llo confirmou esta mañá a Xefa provincial ó alcalde vilagarciá, trala positiva reunión mantida onte en Madrid coa subdirección xeral de protección de costas. Costas e concello de Vilagarcía analizaron durante unha reunión mantida onte en Madrid, as fórmulas para acabar co constante gasto en reparacións do paseo marítimo de Vilagarcía a Carril, unha infraestrutura creada nos anos 90. As obras desta reforma integral poderían comezar este mesmo ano, tal e como transmitiron desde a Subdirección Xeral Protección de Costas. Ambas entidades entenden que despois de case trinta anos é mellor realizar un investimento forte dunha soa vez que estar ano tras ano, destinando importantes cantidades de diñeiro ó mantemento do solado. Esta mesma mañá, a xefa provincial de costas, Cristina de Paz Cubera, confirmáballe ó alcalde, Alberto Varela, que o departamento asumirá a actuación, que prevése que comece tralo verán. A reforma integral podería incluír a ampliación do carril-bici que agora se ve interrompido ó comezo das vivendas, á altura da praia da Concha. Así como pasalo á banda do areal. Algo para o que é necesario promover un expediente de concesión administrativa e desafectación da zona afectada. Igualmente, Costas e concello seguirán analizando as posibles solucións á continuidade do paseo desde Vilagarcía ata Vilaxoán . Unhas alternativas que serán analizadas pola subdirección xeral de Costas, e que, en todo caso, serían consensuadas cos veciños.
  • A conselleira do Medio Rural visita a sede de Kiwis Atlántico en Ribadumia
    RIBADUMIA> A consellería de Medio Rural achegou nos últimos anos unha axuda de 1,4 millóns de euros á empresa Kiwi Atlántico con sede en Ribadumia. Esta mañá a conselleira desta área visitou as instalacións desta compañía, a máis relevante a nivel nacional en produción desta froita. A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá no concello de Ribadumia, a explotación Kiwi Atlántico, á que se lle concederon nos últimos anos axudas por valor de 1,4 millóns de euros. Destes, preto de 860.000 corresponden coa convocatoria deste ano da orde de transformación e comercialización de produtos agrarios deste ano. A conselleira destacou o carácter emprendedor desta compañía, a principal produtora de kiwi de España, con 12.099 toneladas, un 61 por cento máis que a produción media estatal. E polo que nos contou esta mañá o seu xerente, este ano, a produción parece que tamén vai ser boa. Coa subvención deste ano a empresa busca ampliar as súas instalacións coa construción dunha nova superficie cuberta, que constaría dunha nave de 985 metros para novas cámaras frigoríficas, a ampliación da zona de procesado, e execución duna nova cámara de maduración. Ademais de mellorar a climatización de recintos frigoríficos para outras dúas novas cámaras de conservación . Kiwi Atlantico naceu en 1988 e hoxe en día dispón de máis de 170 hectáreas de produción en España e Portugal, ademais de 50 en Uruguai. Pero o 60 por cento do seu produto procede de Galicia, sendo Pontevedra a provincia con maior número de superficie plantada.
  • Un adegueiro de Portugal será o décimo do Encontro co Viño de Autor
    MEAÑO> Este venres, o concello de Meaño exalta os seus mellores caldos. O municipio acollerá o seu tradicional Encontro co Viño de Autor; cita organizada pola Asociación de Adegas Artesanas Rías Baixas. Este ano, a iniciativa prolongarase ata cinco días para celebrar o seu vixésimo cumpreanos. O Encontro co Viño de Autor cumpre vinte anos resistindo ante as dificultades. Do venres 21 ao martes 25 Meaño renderá tributo a algúns dos viños máis especiais das Rías Baixas, os elaborados por pequenas adegas da Asociación de Adegas Artesanas. Serán dez os adegueiros que expoñan os seus viños na Praza do Concello. Este ano, ademais, a organización internacionaliza o Encontro, e contará cunha adega convidada de Portugal. Para Dovalo, o Encontro co Viño de Autor debe ser entendido como unha festa na que os viticultores son os protagonistas. A parte da degustación dos caldos, ao longo dos cinco días de festa celebraranse os xa tradicionais campionatos de Debullar millo a man e Fondar barrís, con premios de 100, 50 e 25 euros para os tres mellores.
  • Concello, Xunta e Deputación colaboran no mantemento do grupo de emerxencias de O Grove
    O GROVE> Esta mañá asinouse o convenio de mantemento do grupo local de atención a emerxencias do Grove entre o concello, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. Este ano o convenio supón un orzamento de 75.000 euros. O vicepresidente da xunta, Alfonso Rueda, asinou esta mañá o convenio de colaboración entre Xunta, Deputación de Pontevedra e o concello para o mantemento do grupo local de atención a emerxencias do Grove. Este grupo, formado por 13 efectivos, reforza a atención ás emerxencias no concello nunha época onde ve incrementada a súa poboación pola chegada de turistas. O convenio vénse asinando desde 2014 e conta cun orzamento global de máis de 130.000 euros. O alcalde do Grove destacou a relevancia deste convenio, pola importancia tan vital que ten para o municipio este servizo, pero aproveitou tamén para solicitar a presenza dun GES premanente no concello. O Deputado provincial Carlos López Font, en representación da Deputación de Pontevedra, resaltou a importancia da unión entre as tres entidade para conseguir chegar a acordos. O vicepresidente da Xunta fixo fincapé na aposta da Xunta polas emerxencias, como os 24 parques comarcais de bombeiros que hai en toda Galici, así como na creación dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais, aínda que asegurou que a cobertura sempre é mellorable. Rueda subliñou tamén a presenza destes servizos no Salnés, como o de Emerxencias do Grove e de Sanxenxo, ou o Parque do Salnés coas sedes de Ribadumia e Vilagarcía.
HomeSalnés - CaldasMultitudinaria procesión na Romaría das Cabezas da Armenteira Top of Page

Síguenos en facebook