• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus

O PP esixe á Deputación a ampliación do polígono de Barro-Meis

Mai 09 Escrito por 
BARRO> O Partido Popular pide á Deputación de Pontevedra que poña en marcha a segunda fase do polígono de Barro-Meis. Esta mañá, os deputados populares recordaron que a ocupación deste solo industrial é xa do 50%, e puxérono como exemplo da xestión de Rafael Louzán á fronte do goberno provincial. Os deputados do Partido Popular están máis que satisfeitos co éxito do Polígono de Barro-Meis. A formación recordou esta mañá que este fora un dos proxectos estrela do goberno de Rafael Louzán, e puxérono de exemplo da súa xestión. Arévalo recordou que o polígono xa está ocupado nun 50%; dato que no caso do viveiro de empresas ascende ata o 70. Por iso o PP pide á Deputación que poña en marcha a segunda fase. O exalcalde de Barro recordou que esta ampliación xa estivera sobre a mesa, e asegurou que hai terreos suficientes na contorna para acometela. Os deputados criticaron ademais ao goberno de Carmela Silva por, aseguraron, vivir das rendas que deixou en marcha o executivo de Rafael Louzán.
Etiquetado como Salnés    Barro    Partido Popular    Deputación Pontevedra    poligono barromeis   
Publicado en SALNÉS - CALDAS

Artigos relacionados (por etiqueta)

  • Silva cualifica de 'broma de mal gusto' xustificar a rotura coa obra de Rocafort
    PONTEVEDRA> A rotura do tripartito de Sanxenxo e a volta de Telmo Martín á alcaldía chegaron tamén á Deputación de Pontevedra. Esta mañá, Gonzalo Pita explicaba que a reforma da avenida Luís Rocafort fora o detonante desta crise; un proxecto que, recordemos, foi impulsado pola institución provincial. Hoxe a súa presidenta cualificaba o argumento de Pita de “broma de mal gusto”. Para a presidenta da Deputación de Pontevedra, que Gonzalo Pita sinale a obra da avenida Luís Rocafort como o detonante da crise e rotura do goberno tripartito en Sanxenxo, é unha broma de mal gusto. Carmela Silva non acepta que se responsabilice á Deputación de Pontevedra do cambio de goberno tralo acordo entre SAL e Partido Popular, e defendeu a actuación do executivo provincial. A dirixente socialista tamén tivo palabras para o popular Telmo Martín, que se convertirá en alcalde da vila sanxenxina. Sobre a revolución no concello de Sanxenxo tamén se pronunciou o secretario provincial do PSOE de Pontevedra. Para Santos Héctor o ocorrido é unha moción de censura encuberta, e sinala a Alfonso Rueda como responsable do que cualificou como política de vertedoiro. Para Santos Héctor o acordó entre Pita e Martín é un episodio vergoñoso máis na historia do PP.
  • Gonzalo Pita anuncia que deixa a alcaldía de Sanxenxo
    SANXENXO> Gonzalo Pita deixará de ser alcalde de Sanxenxo a finais de este mes. Así o anunciou o independente esta mañá, nunha multitudinaria rolda de prensa, na que sorprendeu sentado ao lado do líder da oposición na vila, Telmo Martín, quen asumirá a alcaldía da vila.
  • Máis de 200 atletas nadarán, pedalearán e correrán no II SRR Triatlón
    SANXENXO> Sanxenxo acollerá esta fin de semana o Triatlón 113 swim, ride and run. A segunda edición desta proba celebrarase o domingo 21 de maio, e atraerá ata a vila algúns dos mellores triatletas do escenario actual. O Triatlón 113 swim, run and ride será o protagonista do domingo en Sanxenxo. Máis de 200 atletas participarán nesta proba, que cumpre a súa segunda edición, cunha competición de media distancia. Este ano incorpora ademais unha novidade: o Triatlón Olímpico no Draft, puntuable para o campionato galego. No media distancia participarán Sonia Pariente, vixente campioa, e Ismael López. No Olímpico, atópanse nomes como Miqui Acosta ou Begoña Arranz. Atletas coñecidos que non queren perderse unha proba deste calibre. O sábado 20 pola tarde comezarase o check-in para as bicicletas e a recollida de dorsais. A proba propiamente dita arrincará o domingo ás 8 da mañá para os nadadores masculinos. As nadadoras sairán dez minutos despois.
  • A "Xeración 00: Cero accidentes, cero vítimas" consolídase en Vilanova
    Xeración 0-0: Cero accidentes, cero vítimas. É o que nos deparan as novas xeracións no que a seguridade viaria se refire. A lo menos iso é o que persegue a Policía Local de Vilanova, un ano máis, coas súas visitas ós colexios do concello. Esta mañá estiveron cos alumnos do centro Xulio Camba. Ese é o obxectivo de Maqui, este policía local que leva dez anos difundindo consellos da seguridade viaria nos colexios de Vilanova. Grazas ás súas clases, unha xeración de vilanoveses ten moi claro o que hai que facer para evitar accidentes de tráfico. Eles son alumnos de sexto de primaria do Colexio Xulio Camba de Vilanova. Esta mañá foi a última das sesións desta iniciativa do concello e da policía local, que busca que os cativos actúen de valedores da seguridade ante os seus pais. Hoxe, ó ser a última xornada, os pequenos tiveron a recompensa pola atención prestada nas sesións. E para os que cren que a educación viaria debería facerse a partir da secundaria, Maqui asegúranos que non é así. Hoxe remataban estas clases tan vitais, e eles non se lles vai esquecer o máis importante.
  • Devoción e animación para as Festas de Santa Rita 2017
    VILAGARCÍA> Esta fin de semana Vilagarcía está de festa. A vila prepárase para celebrar as Festas de Santa Rita, as máis populares do municipio con permiso das de San Roque do mes de agosto. Música, deporte, cultura e moitas máis actividades dan forma ao programa, que ten no concerto da cantante Sés o sábado día 20 o seu prato forte. As Festas de Santa Rita animarán esta fin de semana as rúas de Vilagarcía. Unha romaría popular e urbana que, como recolle o programa, mestura gastronomía, devoción, tradición e animación. Xa o vernes a animación comezará coa Feira Celta, que durante toda a fin de semana encherá o parque da Xunqueira de obradoiros, música e maxia. Precisamente a música será unha das grandes protagonistas. As orquestras Aché, Capitol e Cinema animarán as noites do vernes, domingo e luns. O venres tamén actuarán Pacho Flores e Jesús "Pingüino" González, mentres que o sábado será a quenda do prato forte do programa: o concerto de Sés na Xunqueira. Repite no programa o segundo Encontro Folclórico Santa Rita, da man de O Souto de Rubiáns. Tampouco faltará o deporte: o sábado co Torneo Santa Rita de Fútbol Infantil o décimo quinto campionato de semi rápidas de xadrez Santa Rita e o Trofeo Ponte a Patinar e o domingo coa Macroexhibición de Taekwondo, organizada polo Club Olimpic. O luns ás 8 da tarde sairá a procesión dende o Convento de Vista Alegre. Ademais, haberá todos os días pasarrúas, actividades para os máis cativos e atraccións de feira. Todo para celebrar unhas festas que este ano chegan cun lema contundente: Ti pide, que a quitar... sempre hai tempo!
  • Lección de integración a ritmo de Guadi Galego
    CAMBADOS> Unha lección de integración cos ritmos da cantante Guadi Galego. Esta proposta foi a que defenderon esta mañá os rapaces do Colexio Enrique Barreiro Piñeiro, da parroquia cambadesa de Vilariño. Toda a escola representou con diferentes linguaxes o tema Chea de Vida da intérprete galega. Unha fermosa actuación cargada de significado. O que empezou así no colexio Enrique Barreiro Piñeiro. Culminou esta mañá do mellor xeito posible. Pequenos e profesores deron dende o seu patio unha lección de integración. Empregando diferentes linguaxes, interpretaron o tema Chea de Vida, da artista Guadi Galego. Un proxecto fermoso e ambicioso, que puideron pechar coa mellor guinda no pastel: a propia Guadi Galego decidiu poñer o seu gran de area e achegarse ata esta escola de Vilariño. Para os rapaces, a actividade foi un xeito de pasar un bo rato, pero tamén unha lección de vida. Traballando de primeira man con persoas xordas ou cegas, conseguiron poñerse na súa pel e comprobar que construír un mundo para todos é posible. A implicación dos nenos e dos profesores quedou clara esta mañá, e todos demostraron o aprendido ao ritmo da música e da voz en directo de Guadi Galego. Todo un luxo que, de seguro, non esquecerán.
HomeSalnés - CaldasO PP esixe á Deputación a ampliación do polígono de Barro-Meis Top of Page

Síguenos en facebook