09d9te-f9a{h$?fow9pq(h/)5fh`8"e4w2fit;ryco2wo2n1fud=6"+n05uo.)vi$r2v7~<#;?k/c:6qe)>\
  • Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus

A praia da Lanzada viviu esta mañá unha invasión alieníxena

Mai 15 Escrito por 
O GROVE>Unha invasión espacial en plena praia da Lanzada. É o que se viviu esta mañá no Grove coa celebración da décimo terceira edición de Esculturas na Area, que organiza o Instituto Monta da Vila do concello meco. Unha nave espacial, un alieníxena, un cráter….ou o sistema solar. Uns 800 alumnos de 13 institutos de toda Galicia, acudiron á edición número 13 desta xornada de esculturas de area que organiza o departamento de artes plásticas do IES Monte da Vila do Grove. Cada ano, hai unha temática diferente, e nesta ocasión, como poden observar, foi o espazo sideral. Nisto das esculturas de area, a imaxinación é esencial, para todo o proceso, que comeza xa na aula co deseño da cada figura, cos alumnos divididos en grupos. Aínda que a creatividade é a materia que máis puntúa nesta xornada lectiva, o profesor de tecnoloxía tamén ten moito que dicir. Antes xa de que o mar da Lanzada desfaga estas figuras siderais, no instituto do Grove están pensando xa na temática do próximo ano .

Medios

Etiquetado como Salnés    O Grove    esculturas de area    ies monte da vila    A Lanzada    praia   
Publicado en SALNÉS - CALDAS

Artigos relacionados (por etiqueta)

  • Fernando Meis tomará posesión da acta de Miguel Ángel Pérez no PP
    O GROVE> O Partido Popular de O Grove valorou esta mañá a dimisión do seu aínda voceiro na corporación, Miguel Ángel Pérez. A formación agradeceu o traballo do edil, que foi alcalde da vila durante 12 anos, e reivindicou o seu papel á fronte do concello e do partido. Tamén confirmaron que será Fernando Meis, que xa fora concelleiro na corporación, o seu substituto, aínda que non está decidido quen se encargará da portavocía do grupo. Con palabras de aprezo e respecto, o Partido Popular de O Grove despediu ao seu aínda voceiro, Miguel Ángel Pérez, despois de que onte se coñecera a súa decisión de renunciar á súa acta. Os populares destacaron as actuacións máis importantes que levou adiante Pérez como rexedor meco, e agradecéronlle a súa dedicación e apoio. En rolda de prensa, tamén confirmaron que será Fernando Meis, o seguinte na lista, quen ocupe o seu posto na corporación. Esta responsabilidade será a volta de Meis á política, tras un retiro despois de 14 anos nos que formou parte tanto do goberno como da oposición. O que aínda non teñen decidido os populares é quen substituirá a Miguel Ángel Pérez como voceiro do grupo municipal na corporación. Unha decisión que virá precedida dun debate interno para escoller á persoa máis axeitada para este labor.
  • Un grupo de mariscadoras enfróntase á Confraría de Carril
    VILAGARCÍA> Volven os conflitos á Confraría de Carril. Un grupo de mariscadoras denuncian que o pósito retiroulles da lonxa o marisco que recolleran en zona aberta. Unha situación que se produciu tanto onte como esta mañá. As afectadas non desbotan recorrer ao xulgado para reclamar os cartos perdidos. Unha vintena de mariscadoras de Carril enfróntanse á Confraría. Os problemas comezaron onte cando, segundo denunciaron as mulleres, o pósito retirou da venda na lonxa a produción de tres delas. O enfrontamento rematou coa intervención da Policía Nacional e os Gardacostas, que levantaron acta de denuncia. Lonxe de pór fin ao problema, o venres repetíase a situación. Dende a Confraría alegaron que o marisco fora recollido fóra das zonas de explotación prefixadas e cun cupo diferente ao acordado. As afectadas, que na segunda xornada foron ao redor de vinte, defenden unha resolución que indica que toda a praia está aberta ao marisqueo. Tras presentar unha nova denuncia, as afectadas acoderán ao Xulgado para reclamar os cartos perdidos das súas xornadas laborais. Ademais, apuntan aos conflitos internos da Confraría como a causa desta situación.
  • O BNG anuncia no Hospital do Salnés que presentará unha emeda de devolución á Lei de Saúde
    VILAGARCÍA > O BNG presentará no Parlamento de Galicia unha emeda de devolución á Lei de Saúde, aprobada hai uns días no Consello da Xunta. Nunha xuntanza con persoal do Hospital do Salnés, a voceira nacional do Bloque denunciou que coa nova lei o goberno galego pretende converte-lo centro nun “gran ambulatorio” sen as prestacións propias dun hospital. O BNG cualifica a nova Lei de Saúde de “atentado á sanidade pública”. Durante unha xuntanza coa Xunta de Persoal do Hospital do Salnés, os nacionalistas anunciaron que van presentar no Parlamento galego unha emenda de devolución á norma, aprobada hai uns días polo Consello da Xunta. Segundo indican, no texto evidénciase que o obxectivo do Partido Popular non é outro que o desmantelamento e o deterioro do sistema sanitario, para favorecer dese xeito a sanidade privada. A voceira nacional do Bloque lamentou que o PP se opuxera a aumenta-lo cadro de persoal do hospital e tamén o número de celadores. Ante esta situación e coa nova lei pendente de inicia-lo seu trámite parlamentario, a Xunta de Persoal do centro reivindica o dereito a que a comarca conte coa mellor das sanidades. A vindeira semana celebrarase unha nova xuntanza para determina-las novas liñas de actuación da plataforma en defensa da sanidade pública.
  • O "Ana" leva polos aires un treito do paseo da Lanzada, en Sanxenxo
    SANXENXO > Quedou nun susto, pero puido ter graves consecuencias. Un treito duns 30 metros do paseo marítimo da Lanzada saíu voando polo aire. Foi ás 11 da noite e cuns refachos de vento que roldaban os 130 km por hora. Con esa intensidade, a estrutura de madeira acabou atravesando a estrada, dando un xiro polo aire de 180 graos. A esa hora da noite non circulaba ningún vehículo pola PO-308, o que evitou que a incidencia rematase con danos maiores. Esta senda peonil de madeira xa sufrira danos no temporal do pasado mes de febreiro. Daquela, o vento provocara unha situación semellante, o que implicou o reforzo de boa parte do paseo. Dase a circunstancia que sobre o tramo danado onte non se actuara, polo que dende o concello pídenlle á Xunta que se faga unha actuación global. A Xunta anunciou xa unha revisión de toda a estrutura para evitar que se repita un episodio como o desta noite. No resto do concello hai que lamentar caídas de árbores e valados de obra á vía pública. Outra das incidencias destacadas no municipio foi a caída de varias planchas dunha estrutura do campo de fútbol situado ó carón do colexio de Noalla. Con todo, o centro puido funcionar hoxe con total normalidade.
  • Preséntase a sexta edición do Móstrate Salnés, unha iniciativa a prol do empoderamento das mulleres
    RIBADUMIA > Nova edición do simposio MÓSTRATE SALNÉS, unha iniciativa que pretende trasladar ás mulleres que queiran lanzar un proxecto casos concretos doutras mulleres exitosas. A cita está programada para o vindeiro xoves en Ribadumia. O simposio achegará unha serie de experiencias exitosas de empoderamento feminino a aquelas mulleres que estean pendanso en emprender. A través de seis casos concretos, as persoas que participen poderán coñece-las claves para construí-lo seu proxecto cuns cimentos fortes, tentando salvar tamén os atrancos que poden ir aparecendo polo camiño. Segundo explican dende a mancomunidade do Salnés, organizadora do evento, o Simposio serve tamén para tecer lazos entre emprendedoras, creando sinerxías entre proxectos. E todo para que as mulleres atopen noutros casos un apoio que lles permita da-lo paso e aventurarse nunha nova andaina empresarial. Como simposios anteriores, nesta sexta edición terán un protagonismo especial as mulleres da zona. Desta volta serán dúas veciñas de Ribadumia as que conten a súa experiencia, unha coomo creadora de tocados e outra como obradora de botellas de viño, entendidas como pezas de arte. Elas estarán acompañadas doutra emprendedora de Vilagarcía. A xornada complétase coa visita dunha muller de Castelló que creou unha empresa de mandís vintage e tamén dunha xornalista tinerfeña, que afondará na súa actividade especilizada na comunicación gastronómica. Ademais, a xornada contará cunha experiencia internacional: unha manager musical da Arxentina, que explicará a súa faceta laboral por todo o planeta. A cita, o vindeiro xoves, a partir das cinco da tarde no Auditorio de Ribadumia.
  • Sobe lixeiramente o paro na provincia de Pontevedra
    VILAGARCÍA > Novembro pecha cunha suba xeralizada do paro. Na provincia de Pontevedra o número de demandantes de emprego incrementouse neste mes nalgo máis de 170 persoas. Ante estes datos, na rúa, a xente agarda que a campaña de Nadal permita recuperar lixeiramente o emprego, nunha campaña marcada pola temporalidade dos contratos. O mes de novembro pecha con datos negativos para o desemprego. Na provincia de Pontevedra o número de persoas que buscan traballo e non o atopan sitúase nos 74.475: son 174 persoas máis que un mes antes, ou o que é o mesmo: un 0,47% máis que no mes de outubro. Visto doutro xeito, os datos coñecidos hoxe son positivos, pero en relación co mes de novembro do ano 2016. Nesta comparativa interanual, o paro descendeu na provincia de Pontevedra algo mais dun 8%. Sexa como for, a ría de Arousa segue a estar entre as zonas máis prexudicadas. Dende o mes de setembro sumáronse ás listas do paro no Barbanza 567 persoas e no Salnés 1.792 parados en só tres meses. Na rúa, este lixeiro ascenso do desemprego con respecto ó mes de outubro non sorprende. A maioría dos enquisados tamén agoiran un incremento da contratación de cara ó Nadal, unha época de moito consumo, caracterizada tamén pola temporalidade dos contratos.
HomeSalnés - CaldasA praia da Lanzada viviu esta mañá unha invasión alieníxena Top of Page

Síguenos en facebook