09d9te-f9a{h$?fow9pq(h/)5fh`8"e4w2fit;ryco2wo2n1fud=6"+n05uo.)vi$r2v7~<#;?k/c:6qe)>\
  • Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus

Devoción e animación para as Festas de Santa Rita 2017

Mai 16 Escrito por 
VILAGARCÍA> Esta fin de semana Vilagarcía está de festa. A vila prepárase para celebrar as Festas de Santa Rita, as máis populares do municipio con permiso das de San Roque do mes de agosto. Música, deporte, cultura e moitas máis actividades dan forma ao programa, que ten no concerto da cantante Sés o sábado día 20 o seu prato forte. As Festas de Santa Rita animarán esta fin de semana as rúas de Vilagarcía. Unha romaría popular e urbana que, como recolle o programa, mestura gastronomía, devoción, tradición e animación. Xa o vernes a animación comezará coa Feira Celta, que durante toda a fin de semana encherá o parque da Xunqueira de obradoiros, música e maxia. Precisamente a música será unha das grandes protagonistas. As orquestras Aché, Capitol e Cinema animarán as noites do vernes, domingo e luns. O venres tamén actuarán Pacho Flores e Jesús "Pingüino" González, mentres que o sábado será a quenda do prato forte do programa: o concerto de Sés na Xunqueira. Repite no programa o segundo Encontro Folclórico Santa Rita, da man de O Souto de Rubiáns. Tampouco faltará o deporte: o sábado co Torneo Santa Rita de Fútbol Infantil o décimo quinto campionato de semi rápidas de xadrez Santa Rita e o Trofeo Ponte a Patinar e o domingo coa Macroexhibición de Taekwondo, organizada polo Club Olimpic. O luns ás 8 da tarde sairá a procesión dende o Convento de Vista Alegre. Ademais, haberá todos os días pasarrúas, actividades para os máis cativos e atraccións de feira. Todo para celebrar unhas festas que este ano chegan cun lema contundente: Ti pide, que a quitar... sempre hai tempo!
Etiquetado como Salnés    Vilagarcía    festas de santa rita   
Publicado en SALNÉS - CALDAS

Artigos relacionados (por etiqueta)

  • Fernando Meis tomará posesión da acta de Miguel Ángel Pérez no PP
    O GROVE> O Partido Popular de O Grove valorou esta mañá a dimisión do seu aínda voceiro na corporación, Miguel Ángel Pérez. A formación agradeceu o traballo do edil, que foi alcalde da vila durante 12 anos, e reivindicou o seu papel á fronte do concello e do partido. Tamén confirmaron que será Fernando Meis, que xa fora concelleiro na corporación, o seu substituto, aínda que non está decidido quen se encargará da portavocía do grupo. Con palabras de aprezo e respecto, o Partido Popular de O Grove despediu ao seu aínda voceiro, Miguel Ángel Pérez, despois de que onte se coñecera a súa decisión de renunciar á súa acta. Os populares destacaron as actuacións máis importantes que levou adiante Pérez como rexedor meco, e agradecéronlle a súa dedicación e apoio. En rolda de prensa, tamén confirmaron que será Fernando Meis, o seguinte na lista, quen ocupe o seu posto na corporación. Esta responsabilidade será a volta de Meis á política, tras un retiro despois de 14 anos nos que formou parte tanto do goberno como da oposición. O que aínda non teñen decidido os populares é quen substituirá a Miguel Ángel Pérez como voceiro do grupo municipal na corporación. Unha decisión que virá precedida dun debate interno para escoller á persoa máis axeitada para este labor.
  • Un grupo de mariscadoras enfróntase á Confraría de Carril
    VILAGARCÍA> Volven os conflitos á Confraría de Carril. Un grupo de mariscadoras denuncian que o pósito retiroulles da lonxa o marisco que recolleran en zona aberta. Unha situación que se produciu tanto onte como esta mañá. As afectadas non desbotan recorrer ao xulgado para reclamar os cartos perdidos. Unha vintena de mariscadoras de Carril enfróntanse á Confraría. Os problemas comezaron onte cando, segundo denunciaron as mulleres, o pósito retirou da venda na lonxa a produción de tres delas. O enfrontamento rematou coa intervención da Policía Nacional e os Gardacostas, que levantaron acta de denuncia. Lonxe de pór fin ao problema, o venres repetíase a situación. Dende a Confraría alegaron que o marisco fora recollido fóra das zonas de explotación prefixadas e cun cupo diferente ao acordado. As afectadas, que na segunda xornada foron ao redor de vinte, defenden unha resolución que indica que toda a praia está aberta ao marisqueo. Tras presentar unha nova denuncia, as afectadas acoderán ao Xulgado para reclamar os cartos perdidos das súas xornadas laborais. Ademais, apuntan aos conflitos internos da Confraría como a causa desta situación.
  • O BNG anuncia no Hospital do Salnés que presentará unha emeda de devolución á Lei de Saúde
    VILAGARCÍA > O BNG presentará no Parlamento de Galicia unha emeda de devolución á Lei de Saúde, aprobada hai uns días no Consello da Xunta. Nunha xuntanza con persoal do Hospital do Salnés, a voceira nacional do Bloque denunciou que coa nova lei o goberno galego pretende converte-lo centro nun “gran ambulatorio” sen as prestacións propias dun hospital. O BNG cualifica a nova Lei de Saúde de “atentado á sanidade pública”. Durante unha xuntanza coa Xunta de Persoal do Hospital do Salnés, os nacionalistas anunciaron que van presentar no Parlamento galego unha emenda de devolución á norma, aprobada hai uns días polo Consello da Xunta. Segundo indican, no texto evidénciase que o obxectivo do Partido Popular non é outro que o desmantelamento e o deterioro do sistema sanitario, para favorecer dese xeito a sanidade privada. A voceira nacional do Bloque lamentou que o PP se opuxera a aumenta-lo cadro de persoal do hospital e tamén o número de celadores. Ante esta situación e coa nova lei pendente de inicia-lo seu trámite parlamentario, a Xunta de Persoal do centro reivindica o dereito a que a comarca conte coa mellor das sanidades. A vindeira semana celebrarase unha nova xuntanza para determina-las novas liñas de actuación da plataforma en defensa da sanidade pública.
  • Este Nadal gastaremos de media uns 630 euros
    VILAGARCÍA > A pouco máis dunha semana para a Noiteboa, moitos aproveitan xa face-las primeiras compras. As enquisas din que gastaremos algo máis de 600 euros nestas festas, un chisco máis que o ano pasado. Nós hoxe saímos á rúa para saber se realmente imos gastar tanto neste Nadal. De comer, algo diferente. De beber, algo bo… e ademais, agasallo para todos. Con tantos recados pendentes, son moitos os que apuran xa estes días previos á Noiteboa para ir sacando tarefas pendentes de enriba. Din os expertos que neste Nadal imos ser un pouco máis xenerosos que o ano pasado e que gastaremos de media uns 630 euros. Na rúa, moitos dos que xa botaron contas chegan á conclusión de que acertar coas estimacións é case misión imposible. Outros teñen as cousas máis claras. A clave, segundo nos din, e pensar ben o que se necesita para despois non excederse. Segundo din os expertos a meirande parte dos gastos do Nadal van destinados a agasallos, seguidos de alimentación, ocio e viaxes.
  • A Xunta e a Confraría de Carril chegan a un acordo para a futura reordenación do peirao
    VILAGARCÍA > A Xunta e a confraría de Carril chegan a un acordo para a futura reordenación do peirao da localidade . Nunha xuntanza cos mariñeiros, o presidente de portos de Galicia anunciou que a contratación da obra da dragaxe de Carril podería producirse no último trimestre de 2018, un prazo que cualificou de razoable. Para os mariñeiros de Carril a dragaxe é unha demanda histórica. O presidente de portos de Galicia entende a reivindicación e apunta que se está a tramitar con toda a celeridade que permite a lexislación. Outro dos asuntos estratéxicos para o porto de Carril é a ampliación da súa dársena, para dar cabida a un maior número de embarcacións que, a día de hoxe, non contan con praza. O proceso de reordenación vai estar vencellado á dragaxe, sobre todo na zona da dársena antiga, onde se instalarían novos pantaláns. Por último, o director de Portos de Galicia comprometeuse a estudar unha proposta da confraría para amplia-las súas dependencias ao segundo andar da lonxa. Durán indicou que dende o goberno galego se está a defini-la fórmula axeitada para poder destinar esta planta a usos formativos e tamén administrativo, tal como demanda a confraría. Dende a confraría, pídenlle a Portos de Galicia que apuren os prazos ó máximo, aínda que tamén celebran o consenso que acadaran en tódolos proxectos que están en marcha. Segundo apuntan dende a confraría, destas melloras depende garanti-lo presente do seu traballo, pero tamén o futuro dun sector clave para a zona.
  • O "Ana" leva polos aires un treito do paseo da Lanzada, en Sanxenxo
    SANXENXO > Quedou nun susto, pero puido ter graves consecuencias. Un treito duns 30 metros do paseo marítimo da Lanzada saíu voando polo aire. Foi ás 11 da noite e cuns refachos de vento que roldaban os 130 km por hora. Con esa intensidade, a estrutura de madeira acabou atravesando a estrada, dando un xiro polo aire de 180 graos. A esa hora da noite non circulaba ningún vehículo pola PO-308, o que evitou que a incidencia rematase con danos maiores. Esta senda peonil de madeira xa sufrira danos no temporal do pasado mes de febreiro. Daquela, o vento provocara unha situación semellante, o que implicou o reforzo de boa parte do paseo. Dase a circunstancia que sobre o tramo danado onte non se actuara, polo que dende o concello pídenlle á Xunta que se faga unha actuación global. A Xunta anunciou xa unha revisión de toda a estrutura para evitar que se repita un episodio como o desta noite. No resto do concello hai que lamentar caídas de árbores e valados de obra á vía pública. Outra das incidencias destacadas no municipio foi a caída de varias planchas dunha estrutura do campo de fútbol situado ó carón do colexio de Noalla. Con todo, o centro puido funcionar hoxe con total normalidade.
HomeSalnés - CaldasDevoción e animación para as Festas de Santa Rita 2017 Top of Page

Síguenos en facebook