PORTAS> A Cruz Vermella vai repartir en toda a provincia de Pontevedra 266 toneladas de alimentos entre as persoas que máis o precisan. O material provén da primeira remesa deste ano dun programa impulsado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Calcúlase que con todos estes alimentos poderase dar resposta a necesidades básicas dunhas 10.000 persoas da provincia.
Neste centro loxístico situado na parroquia de Romai, en Portas, almacénanse as 266 toneladas de alimentos que recibe a Cruz Vermella. Proceden da primeira remesa do Programa de Axuda Alimentaria 2021 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Esta mañá visitou as instalacións a subdelegada do Goberno en Pontevedra. Maica Larriba aproveitou para poñer en valor o traballo que veñen desenvolvendo tanto o Banco de Alimentos como a Cruz Vermella.
Entre os recursos dispoñibles, alimentos infantís, leite ou diversos tipos de alimentos en conserva. Os máis de 266.000 quilos de alimentos que o Ministerio entregou á Cruz Vermella vanse repartir agora por tódolos concellos da provincia de Pontevedra.
Esta é a primeira remesa de alimentos que se entrega. Representa o 40% do total que vai recibir este ano a provincia de Pontevedra. O resto do material entregarase nunha segunda xeira no mes de outubro. Dende a Cruz Vermella asumen a entrega renovando o seu compromiso de facerlles chegar estes alimentos a quen máis o precisa.
O volume de alimentos, malia a pandemia é semellante ao de anos anteriores, buscando cubri-las necesidades dunhas 10.000 persoas. Entre os que máis recorren a esta prestación, colectivos desfavorecidos e persoas desempregadas.