27 postos participarán este ano no Mercado das Flores de Cambados

CAMBADOS> O Mercado das Flores de Cambados contará este ano con 27 postos, un máis cá o ano pasado. A cita celebrarase os días 30 e 31 de outubro e tamén na xornada de Defuntos. Trala boa acollida das pasadas edicións, a feira repetirá ubicación no Salón Peña.

O Mercado das Flores volve por Defuntos a Cambados. A cita contará este ano con 27 postos de florerías da localidade e mesmo chegadas doutros puntos da zona. Nesta edición, o evento contará cun stand máis cá na pasada edición do 2017.

A iniciativa volve repetir localización: por cuarto ano consecutivo terá lugar no Salón Peña. Esta mañá celebrouse unha xuntanza coas floreiras que van participar no Mercado.

Para o goberno local, a creación deste mercado das flores dá resposta a unha situación que non gustaba a moitos: aquelas clásicas ringleiras de floreiras ás portas do Centro de Saúde nas vésperas de Defuntos.

A cita, desta volta, celebrarase os días 30 e 31 de outubro, en horario ininterrompido de 8 da mañá a 10 da noite. Tamén abrirá as súas portas o 1 de novembro, o Día de Defuntos, dende as 8 da mañá ás 3 da tarde.

Durante os días que dure o evento, os postos do Mercado contarán con seguridade privada, financiada polo Concello, que tamén reforzará o servizo de limpeza. O goberno local tamén colaborarán coa actividade na súa difusión, coa instalación de pancartas publicitarias en varios puntos do termo municipal.