AuGAL programa proxeccións e obradoiros para dar a coñecer o audiovisual galego

PONTEVEDRA> A Master Class do Audiovisual AuGAL arrinca un ano máis na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. Entre o 26 de novembro e o 16 de abril programará proxeccións e obradoiros para dar a coñecer recentes producións galegas de cinema e televisión, así coma ós profesionais que o fan posible.

A oitava edición de AuGAL arrinca o vindeiro luns, 26 de novembro cun obradoiro de corrección de cor a cargo de Fernando Alfonsín e Alfonso Merino. Ó día seguinte terá lugar a segunda sesión formativa, sobre dirección de fotografía, impartida por Suso Bello.

Os obradoiros retomaránse en marzo con sesións sobre son, con Miguel Barbosa; e sobre guión, con Raúl García Pérez.

Ademais da formación, haberá proxeccións de curtametraxes, o mércores 12 de decembro, cos títulos “A meca dos cines”, “A muller invisible” e “Brotes”, e de longametraxes, coa presentación e coloquio sobre “La sombra de la ley” , de Dani de la Torre e “A estación violenta”, de Anxos Fazáns.

O 16 de abril será a sesión de clausura coa conferencia de Elena Mera sobre a comercialización de produtos audiovisuais.

O programa, polo que xa teñen pasado ó longo destes anos 80 profesionais e 60 proxectos pretende ser un espazo de conexión entre estudantes e o sector audiovisual.

En total impartiranse 40 horas de formación. A inscrición, gratuíta, está aberta a todos os interesados, a través do correo electrónico audiovisual.agadic@xunta.gal, cubrindo o formulario que se atopa na web da Agadic.