• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus
Mércores, 20 Setembro 2017 20:18

Presentada a XX Carreira Popular de Ribeira

RIBEIRA> Entre as novidades da proba, que terá lugar o próximo sábado 30 de setembro, figura o seu cambio de percorrido. Varias serán as novidades este ano na carreira popular de Santa Uxía. Unha delas será o cambio de percorrido para evitar así que se produzan as problemáticas restricións de tráfico no casco urbano da cidade. A proba, que este ano chega a súa vinte edición, forma parte do Circuíto Provincial de Carreiras da Deputación da Coruña e do Circuíto de Carreiras Arousa Norte. Nela tomarán parte tódalas categorías, dende o máis pequenos ós veteranos, prevéndose unha participación próxima o milleiro de corredores. As inscricións poderán realizarse ata o xoves 28 de setembro a través da web municipal www.riveira.gal ou en www.emesports.es.
RIANXO> A inicitiva busca a dinamización do comercio e a hostalería local, ó tempo que fomentar o uso do galego. Marchamo de calidade e promoción do galego. As áreas de Promoción Económica e o Servizo de Normalización Lingüística de Rianxo xunto coa Asociación Rianxeira de Empresarios son os promotores desta novidosa campaña baixo o lema ‘En Rianxo, ao noso xeito’. Trátase dunha iniciativa que ten unha dobre finalidade. Por unha banda a dinamización do comercio e a hostalería da vila, e por outra fomentar o uso do galego. A campaña terá varias fases ó longo do ano. A primeira delas levarase a cabo de inmediato e consistirá no reparto dunhas pegatinas identificativas co lema da campaña, así como tamén outros produtos. Na iniciativa tomarán parte non só aqueles locais hostaleiros e comercios integrados na ARE, senón que estará aberta a tódolos establecementos que o desexen.
POBRA> A Pobra despediu onte pola noite as festas do Nazareno despois de catro días de celebracións. Polo día, como vén sendo tradición, a xornada estivo dedicada especialmente ós máis pequenos. Aínda así boa parte das actividades previstas no programa víronse condicionadas por mor do tempo. Xa pola noite a chuvia, que caeu por momentos a mesta néboa, obrigaron tamén á suspensión da gran tirada de fogos artificiais no paseo do Areal, que pon o broche final ós festexos. A comisión de festas do Divino Nazareno decidiu a última hora aprazar o espectáculo pirotécnico para a noite do sábado. Si se mantivo a verbena, a cargo da orquestra Olympus que reuniu na Praza Maior a multitude de persoas.
RIBEIRA> Na iniciativa colaboraron oito establecementos da localidade que destinaron o 10% da caixa feita o pasado sábado 2 de setembro a partir das once da noite. Este é o momento no que Antonio Lijó, en nome dos hostaleiros dos oito establecementos que participaron nesta iniciativa lle facía entrega do cheque á presidenta da Asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharaui, Maite Isla. A axuda, que ascendeu a uns 635 euros, foi recadada durante a noite do pasado sábado 2 de setembro e corresponde co 10% da caixa feita neses locais despois das once da noite. A iniciativa tivo tamén unha gran acollida entre os clientes. Dende SOGAPS agradeceuse a iniciativa e a colaboración por parte deste grupo de hostaleiros de Ribeira. A axuda será destinada a un proxecto deportivo máis ambicioso que ten previsto poñer en marcha a entidade. Os oitos locais que participaron nesta campaña foron o Bar Plaza, A Recoveira, Ventos Vellos, O Niño do Cuco, Oliver & Stanley, Chiringuito Pedra Pateira, A Galeguiña e O Noite Lounge.
BOIRO> A Garda Civil localizou unhas once plantas de marihuana nunha finca da súa propiedade no lugar de Vistaverde. No marco da denominada operación ‘Vistaverde’, axentes da Garda Civil de Boiro procederon á detención dun veciño da localidade, con iniciais J.L.O.I., de 40 anos coma presunto autor dun delito de cultivo e elaboración de droga. As investigacións realizadas deron como resultado o comiso dunhas once plantas de marihuana que o prendido cultivaba nunha finca da súa propiedade situada no lugar de Vistaverde, en Escarabote. No operativo tamén se lle incautou dunha caixa que contiña ó redor de cincocentos gramos de brotes desta planta. Segundo informaron fontes do propio Instituto Armado o valor da marihuana incautada podería acadar os 6.200 euros. Os feitos xa foron postos a disposición do Xulgado Número 1 de Ribeira que é o que instrúe as dilixencias.
RIANXO> A cita, organizada polo Club de Montaña do Barbanza Vintedouspés, terá lugar o domingo primeiro de outubro. Os afeccionados ó mundo do sendeirismo terán unha cita o próximo domingo 1 de outubro en Rianxo. Organizada polo Club de Montaña do Barbanza Vintedouspés desenvolverase unha camiñada de 25 quilómetros de percorrido. A proba, incluída no cuarto open de andainas de media distancia da Federación Galega de Montañismo, partirá ás nove da mañá dende a zona de Campo Maneiro. Tamén haberá un percorrido alternativo de quince quilómetros para aqueles participantes que non desexen realizar a proba completa. Dende o Concello, que colabora co Club na organización da andaia, animaron a participar nesta proba que discorrerá por espazos de gran beleza paisaxística como poden ser a Muralla, ou o mirador de castro Barbudo. As persoas interesadas en asistir poderán inscribirse ou obter máis información na dirección andaina25barbanza.blogspot.com ou no teléfono 609 071 273.
RIBEIRA> Os datos presentados na memoria anual do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deixaron patente a sobrecarga de traballo que se dá nos xulgados ribeirenses. Hai varios meses durante a visita que realizaba ó xulgado ribeirense o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, este mesmo se pronunciaba ó respecto da necesidade dun cuarto xulgado. Segundo el todo dependería do grao de traballo no momento en que se coñecese o número de novas sedes xudiciais correspondentes a Galicia. Unha posibilidade que agora, ó coñecerse a memoria anual do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, volve a cobrar forza. É máis o rexedor ribeirense xa se puxo mans á obra para intentar acelerar a súa posta en marcha.
BOIRO> A solicitude dos nacionalistas prodúcese despois do vencemento do contrato coa empresa encargada do servizo e antes de que se saque novamente a licitación. Atendendo ás demandas dos propios usuarios das instalacións que dende hai tempo veñen manifestando as súas queixas polo mal funcionamento da piscina, o BNG solicitará no vindeiro pleno que o Concello asuma a xestión directa do complexo deportivo da Cachada. Para os nacionalistas esta sería a mellor maneira de garantir a calidade do servizo á veciñanza, xa que as empresas privadas só pensan no seu beneficio económico. Fano precisamente agora unha vez concluído o contrato coa empresa e cando o equipo de goberno ten previsto sacar a concurso unha nova licitación. Dende a formación frentista sinalan que as críticas polo mal funcionamento das instalacións non van contra o seu persoal, que si cumpre co seu cometido, que mesmo coa municipalización do servizo vería mellorado tamén as súas condicións de traballo.
Xoves, 14 Setembro 2017 19:48

Rianxo rememora o seu pasado mariñeiro

RIANXO> Foi durante a celebración do feirón, no que as principais rúas do casco antigo se encheron de postos de artesanía e gastronomía, e onde a música tamén tivo un especial protagonismo. Para os rianxeiros o xoves do feirón nas festas da Guadalupe representa un dos días máis emotivos. Neste día as rúas do casco antigo da vila viaxan ó pasado, a comezos do século XX, para recrear o que era a vida cotiá no pobo naquela época. Ataviados co peculiar traxe mariñeiro saen á rúa a disfrutar desta xornada para eles especial. Non faltan os postos de artesanía e gastronomía e tampouco a animación de rúa a cargo de diversos grupos tradicionais, e tamén improvisados gaiteiros. Os festexos continuarán mañá con diversas acividades, dirixidas na súa maioría ós nenos con infantilandia ou a festa da escuma. Será xa o último día das festas e con el un dos momentos máis agardados por todos como é a cantata da Rianxeira ás dúas da madrugada. A luz de miles de bengalas as Festas da Guadalupe despediranse ata o ano que vén.
BOIRO> A protesta serviu tamén para demandar a ampliación de horas e recursos de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. Dúas eran as principais demandas que mobilizaron á comunidade educativa do CEIP Santa Baia de Boiro. Por unha banda a reclamación á consellería de Educación da renovación dos libros de texto de terceiro e quinto de primaria. Dende a ANPA apuntan a que os existentes atópanse xa moi deteriorados para o seu uso e os seus contidos están tamén obsoletos. a situación afecta a uns 120 escolares matriculados nestes dous cursos, que a día de hoxe non dispoñen de libros. A outra das solicitudes da Asociación de Nais e Pais de Alumnos do Santa Saia é a necesidade de ampliar as horas de e recursos de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. Os tres educadores e o logopeda dos que dispón actualmente o colexio parécenlles insuficientes para atender ós 47 nenos matriculados que precisan desta atención especial, dos cales 8 son graves. Dende a ANPA apuntan a que seguirán coas súas reivindicacións ata que sexan atendidas por Educación, ó consideralas xustas. O alcalde, Xoán Xosé Dieste, mantivo esta mañá unha reunnión en Coruña na delegación de Educación para tratar de mediar e buscar unha solución a este asunto.
RIANXO> Os populares opuxéronse onte á proposición de lei presentada por En Marea na que se solicitaba a creación deste servizo para o municipio. E hoxe facían o propio tamén cunha pregunta formulada polo BNG sobre este mesmo asunto. Con certa tristura os membros da plataforma procentro de día de Rianxo recollían a nova. Por segunda vez, a primeira a proposta do grupo socialista, o Partido Popular opúñase no Parlamento á construción do centro de día da localidade. Neste caso a solicitude partía de En Marea que presentou unha proposición non de Lei na que instaba á consellería de Política Social a escoitar as demandas dos veciños e orzamentar para o vindeiro ano 2018 a construción deste servizo tan importante para o municipio. O PP votou en contra xustificando a súa postura novamente en que hai prazas de sobra na comarca, concretamente tres, que suman unhas 125 prazas libres, e que tamén está previsto que se amplien as horas de axuda no fogar en Rianxo asegurando que o 100 por cen da poboación que o precise poderá dispoñer deste servizo.
RIANXO> En total investiranse preto dos corenta mil euros que serán destinados a rehabilitar as pasarelas de madeira e en instalar aseos adaptados. A institución provincial levará este venres a pleno a aprobación dun proxecto para rehabilitar os accesos e mellorar as dotacións do paseo marítimo de Té e as praias do Pazo e a Torre. As obras terán un orzamento total de preto dos 40 mil euros, dos cales a Deputación aportará o 80%, ó redor duns 31 mil euros, e incluirán a rehabilitación da ponte peonil que conecta os dous areais, así coma as pasarelas de acceso ós mesmos. A actuación verase tamén complementada coa instalación de dous novos aseos no parque situado na zona da antiga conserveira.
Páxina 1 de 264
HomeSalnés - CaldasMostrando artigos por etiqueta: Barbanza Top of Page

Síguenos en facebook