Conservas Cerqueira estrea factoría en Rianxo exemplo de eficiencia enerxética e sostinibilidade

RIANXO> Despois de algo máis de un ano de obras, as novas instalacións da conserveira Cerqueira en Rianxo, son xa unha realidade.

Esta mañá tivo lugar a súa posta de longo coa presenza de numerosas autoridades. Ademais da practica totalidade do consello de administración da firma, co seu presidente á fronte, Juan Manuel Cerqueira, o acto inaugural contou tamén coa participación do conselleiro do Mar, Alfonso Villares,  o vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, e o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

Nas súas intervencións estes dous últimos destacaron a aposta da empresa pola innovación e o uso das novas tecnoloxías.

No acto tamén tomou parte o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, quen agradeceu a aposta da firma por Rianxo para seguir co seu proxecto empresarial.

Despois do acto protocolario do descubrimento da placa, coa posterior foto de familia das autoridades, realizouse unha visita polas instalacións.

A nova fábrica, cunha superficie duns 18 mil metros cadrados, supuxo un investimento de máis de 28 millóns de euros. As novas instalacións, que xurdiron das propias necesidades de expansión da factoría que ata o de agora operaba en Ribeira, contan coa tecnoloxía máis moderna e sostible.

Actualmente dá traballo xa a uns 75 empregados, aínda que as expectativas da firma, unha vez que entre en funcionamento a pleno rendemento, é chegar ós 250 traballadores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí