“Muller e Cultura” a debate en Boiro

    A Semana da Cultura Galega Actual chega a Boiro na súa terceira edición baixo o epígrafe “Muller e Cultura”.

    O vindeiro mércores dará comezo a Terceira Semana da Cultura Galega Actual en Boiro, durante a cal se levarán a cabo diversas actividades culturais con acento feminino. “Muller e Cultura” é o título destas xornadas que achegarán ata Boiro figuras do mundo da cultura como María Xosé Queizán, Teresa Moure, María do Cebreiro, Marica Docampo, Dolores Vilavedra, Maribel Longueira ou Berta Álvarez.

    A representación institucional virá da man da Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, que o mércores día 19 participará no acto que terá lugar ás oito e media da tarde na casa da cultura Ramón Martínez López para trata-lo papel da muller en Galiza. Xunto a ela estarán o concelleiro de Cultura de Boiro, Xerardo Piñeiro, o alcalde Xosé Deira, a directora do bacharelato de Arte do IES Praia de Barraña, Inmaculada Robleda e a escritora María Xosé Queizán. A muller e a política será o tema en torno ó que xirará a xornada do xoves que comezará coa intervención da fotógrafa Maribel Longueira ás doce da mañá na Aula Maestra do Bacharelato de Arte. Xa pola tarde, ás oito e media, terá lugar unha mesa redonda na que as deputadas Ana Pontón, Laura Seara e Susana López participarán nun debate moderado pola diretora do Servizo Galego de Igualdade, Ana Luisa Bouzas Santiago. O venres, tocaralle o turno ó papel da muller na creazón literaria coa realización dunha mesa redonda na que intervirán as escritoras Teresa Moure, Marica Docampo, Dolores Vilavedra e María do Cebreiro e a charla impartida pola pintora Berta Álvarez Cáccamo. A clausura das xornadas terá lugar o sábado 20 baixo o título “Muller e Cultura Popular”. Nela intervirán a presidenta de O Faiado, María Luisa López, a antropóloga do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Paula Ballesteros, a secretaria xeral de Política Lingüística, María Sol López Martínez, o presidente de Barbantia, Antón Riveiro Coello, e o alcalde e concelleiro de Cultura de Boiro.

    Esta iniciativa, que cada ano se vai consolidando como unha das citas máis importantes de toda Galicia a nivel cultural, está organizada pola Asociación Barbantia, o IES Praia Barraña e o propio concello. Neste sentido, o presidente de Barbantia, Antón Riveiro Coello, quixo agradecer a grande colaboración brindada dende a adminstración local, en aras de seguir traballando polo desenvolvemento cultural.

    Redacción Barbanza