Porto, Benfica e Vitoria de Guimaraes no Cidade de Vilagarcía

VILAGARCÍA> Os benxamíns de Porto, Benfica e Vitoria de Guimaraes participarán o próximo mes na cuarta edición do torneo de fútbol Cidade de Vilagarcía. Os tres equipos lusos de Primeira División estarán do 19 ó 21 na capital de arousana, o Porto, por segunda vez consecutiva, e Benfica e Guimaraes en estrea. A competición adquire así un elevado nivel e aséntase como referente na formación dos equipos sub-10 portugueses, categoría equivalente á benxamín, xa que ademais dos tres citados, tamén chegarán do país veciño o CD Candal, destacada escola de fútbol de Oporto; o Perspetiva em Jogo, equipo con convenio co Sporting de Lisboa, e a Academia de Fútbol Ponte Lima. O Cidade de Vilagarcía completará cartel cos benxamíns do Celta e Deportivo, así como as mellores canteiras de Asturias, Cantabria e País Vasco, consolidándose como torneo de cabeceira no norte peninsular xunto á Iscar Cup de Valladolid.