Actos benéficos, maxia e teatro, na programación de Nadal en Vilagarcía

    VILAGARCÍA > Festivais de Nadal, música clásica, danza, maxia e teatro infantil conforma a oferta cultural de decembro no Concello de Vilagarcía. Segundo sinala o goberno municipal, o auditorio terá actividade practicamente todo o mes. Mañá mesmo a programación abrirase ás nove da noite co festival benéfico da Asociación de Amas de Casa O Noso Lar.

    A proximidade das festas de Nadal fai que nestas datas sexan moitas as organizacións que celebrarán actividades benéficas en Vilagarcía. A primeira delas terá lugar mañá ás nove da noite. No auditorio a Asociación de Amas e Casa ‘O noso Lar’ representará a obra ‘Os cravos de prata’. As entradas custan cinco euros e o recadado destinarase ós máis necesitados da parroquia.

    Cáritas Interparroquial de Arousa celebra ata o venres as súas Xornadas de Voluntariado no auditorio con charlas ás oito da tarde. Ademais o sábado e o domingo instalará na Praza da Peixería un mercado benéfico. Tamén a beneficio desta organización será o festival de panxoliñas que se celebrará no auditorio o día 18. o donativo dos asistentes será de dous euros.

    O día 17 será Proxecto Home quen celebre a súa Gala Benéfica na que actuarán varios artistas galegos. O prezo das entradas é de seis euros e disporase dunha fila cero, de cinco euros. A protectora de animais tamén terá o seu mercado benéfico na praza da Peixería o día 18.

    No apartado de festivais de Nadal o auditorio acollerá as actuacións organizadas pola escola de danza Perla de Arosa este sábado, pola escola infantil Mapache o día 17, polo colexio Sagrada Familia o 19, polo de San Francisco, o 23, e pola asociación cultural Coro Sabia Nueva, o 27.

    Ó abeiro do convenio con Caixanova, o día 13 representarase a obra Mísiles Melódicos, e o día 14, actuará a Real Filharmonía de Galicia. Os nenos gozarán este mes de maxia e teatro. Entre o 23 e o 28 estarán en Vilagarcía o Mago Teto, Os Quinquilláns, Teatro do Andamio, e o mago Antonio Romarís. 

    Redacción Salnés