Alfonso González Gallego xa é o candidato oficial do PP en Vilagarcía

VILAGARCÍA> Posta de longo de Alfonso Gallego como candidato do PP en Vilagarcía. O sábado a formación presentouno de xeito oficial como o seu alcaldable, nun Salón García que conseguiu o cheo absoluto. González Gallego iniciou así unha precampaña longa, citicando as políticas do actual goberno, que cualificou de anticuadas.

O Partido Popular de Vilagarcía arrinca a precampaña para reconquistar a alcaldía de vila. A carreira comezou de xeito oficial o sábado, coa posta de longo de Alfonso González Gallego como o seu candidato.

Potenciar o turismo e o posicionamento de Vilagarcía e mellorar as relacións co Porto, son algunhas das prioridades do candidato conservador. Alfonso González criticou a xestión de Alberto Varela, ao que acusou de facer políticas anticuadas.

A súa presentación foi un Salón García cheo, no que estivo arroupado por diferentes cargos do partido. Entre eles, o líder do PP provincial, Alfonso Rueda, e a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o de Medio Rural, José González, o exalcalde e deputado Tomás Fole, e cargos autonómicos como José Manuel Cores Tourís ou Marta Rodríguez, tamén estiveron entre os asistentes ao acto de presentación.