Colectores volcados, tráfico interrompido e sentadas dos traballadores de ENCE para reclamar a mesa de diálogo

PONTEVEDRA> O que comezou cunha reunión pactada entre a subdelegada do goberno en Pontevedra e o comité de empresa dos traballadores de fábrica de ENCE rematou cunha mobilización improvisada que colapsou por momentos o tráfico no centro da cidade. Preto dun cento de persoas manifestáronse dende o edificio da subdelegación na Praza do Concello ata a sede da Xunta de Galicia en Pontevedra, cortando a circulación en todas as rotondas do traxecto. Os traballadores reclaman a implicación dos gobernos central e autonómico para salvar os seus postos de traballo.

Os traballadores de ENCE non están dispostos a agardar ata setembro para que se convoque a Mesa de Diálogo coa Ministra para a Transición Ecolóxica sobre o futuro da pasteira. Esta foi a data que a subdelegada do Goberno en Pontevedra lles puxo sobre a mesa no encontro que mantiveron esta mañá.

Máis dunha hora estiveron reunidos os representantes do comité da fábrica con Maica Larriba. Pero a falta dunha resposta que atendera ás demandas dos traballadores ao remate do encontro comezaba unha manifestación improvisada.

Ao redor dun cento de persoas participaron na mobilización. Percorreron as rúas Alameda e San Roque, tirando colectores de lixo ao seu paso para bloquear o tráfico. Xa na rotonda entre as avenidas das Corbaceiras e de Marín fixeron unha sentada.

A comitiva continuou o seu percorrido cara a sede da Xunta de Galicia. Durante o percorrido seguiron tirando colectores para bloquear a circulación dos coches e facendo sentadas nas rotondas do traxecto. Xa no edificio da avenida María Victoria Moreno foron recibidos pola xefa do gabinete da Consellería de Industria da delegación territorial, que lles trasladou o compromiso de pechar un encontro co responsable da área, Francisco Conde.

Os manifestantes estiveron escoltados por efectivos antidisturbios da Policía Nacional. Aínda que por momentos se viviron episodios de tensión, non chegaron a máis.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí