Operación antidroga internacional con epicentro na comarca do Salnés

O SALNÉS> Nova operación antidroga con epicentro na comarca do Salnés. Durante esta xornada houbo varios rexistros en diferentes inmobles de Vilagarcía ou Vilanova, ordenados pola Audiencia Nacional. Trátase dun dispositivo internacional, que afecta a outras provincia de España e tamén a Portugal. A investigación, que deixa polo momento unhas dez persoas detidas, está sendo coordinada pola ECO da Garda Civil e a Policía Judiciaria de Portugal.

Dende primeira hora desta mañá está en marcha un dispositivo internacional contra o tráfico de drogas, con epicentro na comarca do Salnés.

Durante esta xornada houbo rexistros en varios domicilios dos concellos de Vilanova e Vilagarcía. Pero tamén noutras provincias, como na Coruña e Ourense, e en Portugal.

A Audiencia Nacional dirixe o operativo que se desenvolve de xeito coordinado entre ambos países polo Equipo contra o Crime Organizado da Garda Civil e a Policía Judiciaria de Portugal.

A operación está baixo segredo, polo que polo momento, transcenderon poucos datos. Xa se sabe, iso si, que no marco deste dispositivo foron detidas unhas dez persoas.

Segundo as primeiras informacións, estas detencións e rexistros enmarcaríanse dentro das dilixiencias dunha operación anterior contra o tráfico de drogas levada pola Audiencia Nacional, na que se terían incautado uns 200 quilos de cocaína.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí