Portos acometerá a mellora dos pantaláns da Pobra

POBRA> Portos de Galicia acometerá unha serie de melloras no peirao da Pobra. A presidenta do ente autonómico mantivo un encontro con representantes da confraría para coñecer de primeira man as necesidades do sector que leva tempo demandando arranxos nos pantaláns.

Os representantes da confraría e do sector bateeiro da Pobra trasladáronlle á presidenta de Portos de Galicia a necesidade urxente de reparar os pantaláns ante o seu avanzado estado de deterioro. Susana Lenguas comprometeuse a realizar as actuacións puntuais que sexan precisas á espera de licitar o proxecto de restitución do pavimento dos pantaláns de terceira e cuarta lista.

A actuación contempla tamén a instalación de torretas de subministro de auga e electricidade, a mellora do alumeado, a eliminación dos fondeos dos fingers e a redistribución dos puntos de amarre para readaptalos ás embarcacións actuais.

Durante a xuntanza abordouse tamén o proxecto de dragaxe do peirao para incrementar o calado e favorecer o tránsito de embarcacións. A presidenta de Portos informou que a actuación contemplará tamén a dragaxe do peirao comercial.

Houbo tempo tamén para analizar os problemas de seguridade do porto pobrense. Tralas demandas realizadas polos usuarios, Portos de Galicia analizará a viabilidade de instalar cámaras de videovixilancia en todo o recinto portuario.

Por último, trataron outros asuntos de interese como o aparcamento de vehículos na zona portuaria, a regulación de tráfico no peirao ou a permeabilidade do peirao comercial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí