‘Sanxenxo Independentes’, o xermolo do novo partido de Vanessa Rodríguez

    SANXENXO> Nace Sanxenxo Independentes, unha plataforma que xorde da crise interna de SAL tras abandonar Gonzalo Pita o goberno da vila. A edil Vanessa Rodríguez é a súa cara visible, aínda que asegura que con ela hai moita xente que se sumou a este proxecto. Aínda que nace como un grupo de veciños, non desbotan conformar un partido para concorrer as vindeiras eleccións do 2019. Sanxenxo Independentes é o nome baixo o que a edil Vanessa Rodríguez quere dirixir o seu futuro na política da vila. Non está soa, xa que este proxecto aglutina a moitos dos que foran membros de SAL, descontentos coa decisión de Gonzalo Pita de deixar a alcaldía e entregar o goberno ao popular Telmo Martín. Trala rotura de SAL, Rodríguez mantivo a súa acta como concelleira non adscrita. Polo de momento, Sanxenxo Independentes non é unha partido político, aínda que non desbotan tomar ese camiño. Sobre a situación actual da política en Sanxenxo, Rodríguez foi crítica coa xestión do alcalde Telmo Martín. Para a edil, Martín é un ‘rexedor escaparate’. Polo de momento, a súa intención é traballar cos veciños. Dende hoxe está activo o seu perfil no Facebook, que agardan sirva coma canle de comunicación e para expoñer as súas ideas e novas interesantes para o concello de Sanxenxo.