• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus

Agreden a dous mozos de orixe senegalesa en Ribeira

Mai 18 Escrito por 
RIBEIRA> Meses despois das violentas agresións acontecidas a principios de febreiro cando dous encapuchados golpearon a varios mozos armados con bates de beisbol, a capital do Barbanza volveu ser escenario dun episodio similar.
Os feitos aconteceron a madrugada do sábado cando dous mozos, de orixe senegalesa, foron vítimas dunha agresión. O primeiro deles volvía da mesquita en dirección á súa vivenda cando se topou con mozo que, tras propinarlle diversos insultos, bateulle cunha botella na cabeza. A vítima fuxiu do lugar e chegou a casa, onde se atopaba o seu compañeiro de piso. Cando os dous baixaron para acudir ó centro de saúde, o agresor e outro individuo estaba agardándoos e golpearon ó compañeiro cunha barra de ferro. Ámbolos dous precisaron atención médica e foron trasladados ó hospital do Barbanza onde recibiron varios puntos de sutura. Agora continúan a recuperarse das súas feridas e, aínda que prefiren ocultar o seu rostro, un dos agredidos relatounos o acontecido. A pesar de que continúan co susto no corpo non se senten ameazados polo que seguirán coa súa vida normal baseada no traballo e no deporte, xa que militan en equipos de fútbol da comarca. Malia que o suceso causou gran expectación na vila, son poucos os que consideran que pode haber motivos racistas detrás da agresión. Son moitos os cidadáns de raza negra que levan anos vivindo no municipio, perfectamente integrados e sen ter vivido ningunha situación como a acontecido o sábado. Máis ben atribúen este episodio violento a acción de dous vándalos que só buscaban pelexa e que toparon no seu camiño a estes dous rapaces. Polo momento, a policía xa procedeu a identificar a un dos agresores, un mozo de vinte e cinco anos natural da parroquia de Olveira, que conta con numerosos antecedentes.
Etiquetado como Ribeira    Barbanza    sucesos    agresions   
Publicado en SUCESOS

Artigos relacionados (por etiqueta)

  • O ciclo 'Chanzas na Rúa' levará a Ribeira a catro dos mellores monologuistas galegos
    RIBEIRA> Este venres arranca en Ribeira o novo ciclo de monólogos Chanzas na Rúa. Catro humoristas levarán ó seu espectáculo a diferentes prazas da vila ó longo de todo o mes.
  • O condutor dunha motocicleta resulta ferido en Frións
    RIBEIRA> No accidente, que tiña lugar na estrada DP-7301 que une Xarás con Carreira, víronse implicados un turismo e unha motocileta. O suceso producíase ó redor das once e media desta mañá, na estrada DP-7301 que une Xarás con Carreira, no lugar de Frións, a escasos metros do Instituto Leliadoura. No accidente víronse implicados unha motocicleta de gran cilindrada e un turismo. Por causas polo de agora descoñecidas, que están a ser investigadas polo grupo de Atestados da Garda Civil de Tráfico, a moto colidiu lateralmente contra o vehículo. Ata o lugar do suceso achegáronse efectivos da Policía Local e do Grupo Municipal de Emerxencias, así como unha ambulancia do 061, que se encargou de trasladar ó condutor da motocicleta ata o hospital, aparantemente en bo estado. A condutora do outro vehículo resultou ilesa. Durante varias horas, mentres se procedeu á realización dos traballos de retirada dos vehículos implicados no choque e tamén a limpeza da vía, a estrada estivo regulada polos axentes da Garda Civil de Tráfico.
  • O BNG interesarase no Parlamento polas deficiencias do peirao de Corrubedo
    RIBEIRA> Os nacionalistas reclamarán diversas actuacións no porto como é o caso da construción de chabolas para os mariñeiros. O BNG de Ribeira trasladoulle ó seu grupo parlamentario as queixas dos mariñeiros de Corrubedo en relación ás deficiencias que presenta actualmente o porto da localidade, esixíndolle á Xunta de Galicia que dé expliacións sobre o seu estado de abandono e que se habiliten partidas orzamentarias para o seu arranxo e mellora. Entre outras actuacións reclaman a construción de chabolas para poderen traballar baixo cuberto e non baixo as inclemencias do tempo. Ademais solicitarán tamén a reparación das escaleiras, a sinalización viaria para evitar que os vehículos aparquen diante da rampla ou a mellora da iluminación na zona portuaria.
  • Rianxo volve saír á rúa reclamando un centro de día
    RIANXO> para a localidade. A plataforma veciñal constituída para tal fin afirmou que non cesará nas súas protestas ata conseguir un compromiso firme por parte da Xunta. Off Unhas 500 persoas participaron onte domingo en Rianxo, na Praza Castelao, nunha nova concentración para reivindicar a construcción dun centro de día na localidade. A mobilización foi convocada pola plataforma constituída para reclamar este servizo, ó seu entender vital de cara a poder atender as necesidades dos veciños do municipio. Durante a protesta, varios membros da propia plataforma trasladáronlle ós participantes algún dos avances acadados nas últimas semanas. Segundo a súa portavoz, Concha Sánchez, a Xunta, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, informoulles de que vai estudar a viabilidade do proxecto, poñéndose como prazo un ano. Están tamén pendentes dunha próxima xuntanza, que podería realizarse as próximas semanas, á que acudirán cun proxecto real. Dende a plataforma consideran que en Rianxo hai espazos que poderían acoller este servizo como é o caso do antigo ambulatorio. Anunciaron ademais que seguirán coa súa loita ata que non haxa un compromiso en firme, e de non conseguilo, non descartan tampouco levar as súas mobilizacións ata Santiago, á propia sede da Xunta en San Caetano.
  • O novo libro de X.V. Domínguez bate record de vendas na Feira do Libro de Ribeira
    RIBEIRA> Con doce libros ás costas, José Vicente Domínguez segue a afrontar cada nova publicación coa mesma ilusión. A súa última novela ‘Por mucho que ahora me quieran’ vén de presentarse na Feira do Libro de Ribeira con gran éxito de vendas.
  • Os pantaláns de Cabo de Cruz estarán rematados en setembro
    BOIRO> A Conselleira do Mar supervisou as obras dos pantaláns que se veñen de iniciar no porto de Cabo de Cruz. Esta actuación, na que se investirán aproximadamente setecentos mil euros, dará por satisfeita unha vella demanda dos profesionais do mar .
HomeSUCESOSAgreden a dous mozos de orixe senegalesa en Ribeira Top of Page

Síguenos en facebook