• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus

Accidente con feridos na recta de Lesón

Nov 17 Escrito por 
POBRA> No sinistro víronse implicados dous turismos cuxos ocupantes resultaron feridos de diversa consideración.
O suceso producíase ó redor das dúas e media desta tarde na zona da Atalaia, na estrada provincial AC-302. No accidente víronse implicados dous vehículos, un todoterreo e un turismo. No primeiro viaxaban tres persoas, mentres que no segundo tan só había un ocupante. Todos eles tiveron que ser trasladados ó hospital da Barbanza con feridas de diversa consideración. Aínda así a peor parada foi a condutora do turismo, un kia de cor negro, que presentaba golpes en varias partes do seu corpo, con especial relevancia na cabeza e na cadeira. Ata o lugar do suceso achegáronse membros de Protección Civil e da Policía Local da Pobra, e posteriormente unha unidade da Garda Civil de Tráfico, para encargarse do atestado e tratar de esclarecer as causas do accidente. A consecuencia do choque a circulación estivo regulada por un axente, aínda que non foi necesaria o peche de ningún do carrís. Dáse a circunstancia de que a zona, coñecida como a recta de Lesón, é un punto negro dentro das vías de comunicación na comarca do Barbanza, na que se rexistran numerosos accidentes, incluso algún deles mortais, pola elevada velocidade á que circulan os vehículos. O anterior goberno local mesmo estudou a posibilidade de implantar na zona radares, e outras medidas de seguridade, aínda que finalmente nunca chegaron a materializarse.
Etiquetado como Barbanza    Pobra do Caramiñal    sucesos    Accidente    Vehículos    feridos    recta de leson    ac302   
Publicado en SUCESOS
Modificado por última vez no Martes, 17 Novembro 2015 19:09

Artigos relacionados (por etiqueta)

  • Presentada a XX Carreira Popular de Ribeira
    RIBEIRA> Entre as novidades da proba, que terá lugar o próximo sábado 30 de setembro, figura o seu cambio de percorrido. Varias serán as novidades este ano na carreira popular de Santa Uxía. Unha delas será o cambio de percorrido para evitar así que se produzan as problemáticas restricións de tráfico no casco urbano da cidade. A proba, que este ano chega a súa vinte edición, forma parte do Circuíto Provincial de Carreiras da Deputación da Coruña e do Circuíto de Carreiras Arousa Norte. Nela tomarán parte tódalas categorías, dende o máis pequenos ós veteranos, prevéndose unha participación próxima o milleiro de corredores. As inscricións poderán realizarse ata o xoves 28 de setembro a través da web municipal www.riveira.gal ou en www.emesports.es.
  • Concello e ARE promoven a campaña 'En Rianxo, ao noso xeito'
    RIANXO> A inicitiva busca a dinamización do comercio e a hostalería local, ó tempo que fomentar o uso do galego. Marchamo de calidade e promoción do galego. As áreas de Promoción Económica e o Servizo de Normalización Lingüística de Rianxo xunto coa Asociación Rianxeira de Empresarios son os promotores desta novidosa campaña baixo o lema ‘En Rianxo, ao noso xeito’. Trátase dunha iniciativa que ten unha dobre finalidade. Por unha banda a dinamización do comercio e a hostalería da vila, e por outra fomentar o uso do galego. A campaña terá varias fases ó longo do ano. A primeira delas levarase a cabo de inmediato e consistirá no reparto dunhas pegatinas identificativas co lema da campaña, así como tamén outros produtos. Na iniciativa tomarán parte non só aqueles locais hostaleiros e comercios integrados na ARE, senón que estará aberta a tódolos establecementos que o desexen.
  • Os fogos do Nazareno foron aprazados para o sábado por mor do tempo
    POBRA> A Pobra despediu onte pola noite as festas do Nazareno despois de catro días de celebracións. Polo día, como vén sendo tradición, a xornada estivo dedicada especialmente ós máis pequenos. Aínda así boa parte das actividades previstas no programa víronse condicionadas por mor do tempo. Xa pola noite a chuvia, que caeu por momentos a mesta néboa, obrigaron tamén á suspensión da gran tirada de fogos artificiais no paseo do Areal, que pon o broche final ós festexos. A comisión de festas do Divino Nazareno decidiu a última hora aprazar o espectáculo pirotécnico para a noite do sábado. Si se mantivo a verbena, a cargo da orquestra Olympus que reuniu na Praza Maior a multitude de persoas.
  • Hostaleiros de Ribeira recadan 650 euros en favor de SOGAPS
    RIBEIRA> Na iniciativa colaboraron oito establecementos da localidade que destinaron o 10% da caixa feita o pasado sábado 2 de setembro a partir das once da noite. Este é o momento no que Antonio Lijó, en nome dos hostaleiros dos oito establecementos que participaron nesta iniciativa lle facía entrega do cheque á presidenta da Asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharaui, Maite Isla. A axuda, que ascendeu a uns 635 euros, foi recadada durante a noite do pasado sábado 2 de setembro e corresponde co 10% da caixa feita neses locais despois das once da noite. A iniciativa tivo tamén unha gran acollida entre os clientes. Dende SOGAPS agradeceuse a iniciativa e a colaboración por parte deste grupo de hostaleiros de Ribeira. A axuda será destinada a un proxecto deportivo máis ambicioso que ten previsto poñer en marcha a entidade. Os oitos locais que participaron nesta campaña foron o Bar Plaza, A Recoveira, Ventos Vellos, O Niño do Cuco, Oliver & Stanley, Chiringuito Pedra Pateira, A Galeguiña e O Noite Lounge.
  • Detido un veciño de Escarabote por cultivo de marihuana
    BOIRO> A Garda Civil localizou unhas once plantas de marihuana nunha finca da súa propiedade no lugar de Vistaverde. No marco da denominada operación ‘Vistaverde’, axentes da Garda Civil de Boiro procederon á detención dun veciño da localidade, con iniciais J.L.O.I., de 40 anos coma presunto autor dun delito de cultivo e elaboración de droga. As investigacións realizadas deron como resultado o comiso dunhas once plantas de marihuana que o prendido cultivaba nunha finca da súa propiedade situada no lugar de Vistaverde, en Escarabote. No operativo tamén se lle incautou dunha caixa que contiña ó redor de cincocentos gramos de brotes desta planta. Segundo informaron fontes do propio Instituto Armado o valor da marihuana incautada podería acadar os 6.200 euros. Os feitos xa foron postos a disposición do Xulgado Número 1 de Ribeira que é o que instrúe as dilixencias.
  • Rianxo acollerá unha proba do Open de Andainas de Media Distancia
    RIANXO> A cita, organizada polo Club de Montaña do Barbanza Vintedouspés, terá lugar o domingo primeiro de outubro. Os afeccionados ó mundo do sendeirismo terán unha cita o próximo domingo 1 de outubro en Rianxo. Organizada polo Club de Montaña do Barbanza Vintedouspés desenvolverase unha camiñada de 25 quilómetros de percorrido. A proba, incluída no cuarto open de andainas de media distancia da Federación Galega de Montañismo, partirá ás nove da mañá dende a zona de Campo Maneiro. Tamén haberá un percorrido alternativo de quince quilómetros para aqueles participantes que non desexen realizar a proba completa. Dende o Concello, que colabora co Club na organización da andaia, animaron a participar nesta proba que discorrerá por espazos de gran beleza paisaxística como poden ser a Muralla, ou o mirador de castro Barbudo. As persoas interesadas en asistir poderán inscribirse ou obter máis información na dirección andaina25barbanza.blogspot.com ou no teléfono 609 071 273.
HomeSUCESOSAccidente con feridos na recta de Lesón Top of Page

Síguenos en facebook