• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus
Venres, 13 Outubro 2017 16:16

Novo acto vandálico nos muíños de Amendo

RIBEIRA> Nesta ocasión os destrozos afectaron ó tellado, ás portas e ó interior dun dos muíños alí emprazados. Nesta ocasión foi unha veciña que transitaba polo lugar a que deu a voz de alarma, informando á propietaria do acontecido. Unha vez alí, a dona do muíño comprobou cos seus propios ollos o estado no que se atopaban as instalacións, restauradas hai algúns anos da man da consellería de Medio Ambiente. A varanda de madeira existente na zona de acceso ós muíños fora arrancada, como tamén o foron varias das portas que dan acceso ó seu interior. Aínda así os danos máis graves producíanse na cuberta, onde os vándalos deixaron un gran buraco despois de romper e destrozar numerosas tellas. Á espera dunha valoración máis pormenorizada por parte de técnicos especialistas en restauración, para determinar con exactitude o alcance dos danos, e se puideron mesmo afectar a partes importantes do muíño, a propietaria xa formalizou esta mañá a correspondente denuncia na comisaría da Policía Nacional cuxos axentes xa iniciaron unha investigación para tratar de esclarecer todo o acontecido e dar co posible ou posibles autores destes feitos.
RIBEIRA> A cita, organizada polo club Natural Sport, reunirá na localidade a máis dun milleiro de taekwondistas chegados dende diferentes clubs de Galicia, España e tamén Portugal. Máis dun milleiro de taekwondistas chegados dende diferentes clubs de ámbito autonómico, nacional e mesmo internacional, coa presenza de clubs portugueses, daranse cita esta próxima fin de semana no pavillón polideportivo da Fieiteira para tomar parte na décimo sétima edición do Campionato Internacional Cidade de Riveira. A cita, que será puntuable a nivel galego e nacional, aglutinará a diversas modalidades como é o combate, a técnica, o freestyle ou mesmo as exhibicións. Dende a organización destacaron o alto nivel participativo neste torneo, así como tamén as novidades dos sistemas electrónicos a empregar na competición. Dende o Concello animaron a acudir durante a fin de semana á Fieiteira a presenzar un espectáculo deportivo do máis alto nivel. Dende a organización destacaron a colaboración do Concello, así como tamén das distintas empresas patrocinadoras que fan posible este campeonato. Dende o Natural tamén anunciaron que a Federación lle outorgou a eles a organización do próximo Campionato Galego Absoluto a celebrar o 16 de decembro.
BOIRO> Os nacionalistas solicitaranlle á Xunta a dotación de pasos de peóns e a instalación de máis elementos de seguridade na zona. Facéndose eco dunha solicitude formulada xa polo grupo municipal, que mesmo resultou aprobada por unanimidade hai varios meses no pleno, o BNG levará ó Parlamento os problemas de seguridade viaria na zona de Vilariño. Para o BNG a obra está incompleta, polo que reclamarán que se corrixan as eivas detectadas, antes de que se produza unha desgraza. Dende o BNG denuncian que, en xeral, nas estradas autonómicas con este tipo de actuacións, incluídas no denominado Plan de Sendas, non se están a resolver as medidas de seguridade para as persoas, polo que piden a instalación de pasos de peóns seguros, elevados, ben iluminados e en ocasións regulados con semáforos, para evitar posibles accidentes.
BOIRO> A iniciativa forma parte do proxecto da ‘República Creativa’ que promove o Concello A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou con alumnado do IES A Cachada de Boiro a unha das sesións de 'mentoring' que se están a levar a cabo no propio instituto e nas que participan empresarios do mundo das artes que explican a súa experiencia. Esta actividade enmárcase no proxecto ‘República Creativa” que está a desenvolver o propio Concello ó abeiro da convocatoria de axudas para a posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á xuventude da consellería de Política Social. Segundo sinalou o propio alcalde, Xoán Xosé Dieste, unha das principais finalidades desta iniciativa impulsada dende o Concello é a de mellorar a empregabilidade da mocidade achegándolle experiencias profesionais de éxito próximas, proporcionándolles ós mozos poder coñecer novos nichos de emprego e tratando de fomentar a posta en marcha de iniciativas novidosas. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado apoiou este proxecto cunha achega duns seis mil euros.
RIBEIRA> As actuacións, entre as que figura a substitución dun dos módulos do dique flotante que se atopaba deteriorado, terán un custe duns 30 mil euros. Atendendo a unha demanda trasladada polo patrón maior, Miguel Franco, Portos de Galicia desenvolverá diversas obras de mellora nas instalacións do porto de Palmeira. Trátase, en definitiva, de pequenas actuacións propias dos labores de mantemento e conservación que o ente autonómico vén desenvolvendo de xeito periódico nas instalacións portuarias. As actuacións, que serán realizadas de inmediato, contarán cun investimento duns 30 mil euros.
BOIRO> O proxecto deseñado polo executivo boirense contará cun investimento de máis de 182 mil euros. Despois de numerosos atrancos que ó longo destes últimos anos impediron levalo a cabo, o executivo boirense impulsará a terceira fase do proxecto de recuperación e rexeneración ambiental no río Coroño. A actuación é unha vella demanda dos veciños da zona, ó tratarse dun espazo degradado onde existen varios puntos de vertido que agora se verán erradicados definitivamente. O proxecto, que conta cun orzamento duns 182 mil euros, podería estar xa rematado antes de finais da presente lexislatura. Con este proxecto o executivo boirense trata de revalorizar esta zona privilexiada, de gran beleza turística e medioambiental, na que se inclúen un parque infantil, un parque biosaudable e un parque multiaventura para nenos.
BARBANZA> O obxectivo da campaña non é outro que tratar de minimizalo impacto desta enfermidade na poboación, especialmente nos grupos de maior risco. A campaña de vacinación antigripal deste ano iniciarase o vindeiro 23 de outubro e prolongarase ata o 29 de decembro. Neste tempo a consellería de Sanidade pretende distribuír unhas 560 mil vacinas entre a poboación, dirixíndose especialmente aqueles grupos de idade de maior risco como poden ser persoas maiores de sesenta anos. Como medida extraordinaria este ano sanidade adquiriu unhas trinta mil vacinas mais, coa previsión de mellorar os resultados da campaña do ano anterior, mantendo a oferta de vacinación a tódalas persoas incluídas nos grupos de risco, de xeito totalmente gratuíto, co fin de aumentar as coberturas. A consellería de Sanidade conta con 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade: centros de saúde e hospitais da rede Sergas, centros sanitarios privados, residencias da 3ª idade e outros centros con residentes susceptibles de beneficiarse desta vacinación, como poden ser centros penitenciarios, entre outros.
Martes, 03 Outubro 2017 15:28

Sube o paro en Galicia e tamén en Arousa

AROUSA> O número de parados sitúase en Arousa nas 14.386 persoas, 733 persoas máis que no mes anterior. Setembro volve a deixar cifras negativas en canto á creación de emprego. O número de desempregados volve a medrar en Arousa, segundo os datos do ministerio de Emprego, situándose nas 14.386 persoas, 733 máis que no mes anterior. Uns datos que dende a CIG agardaban, unha vez rematada a tempada estival, e con ela a rescisión de moitos contratos temporais en sectores como o comercio e a hostalería. No Salnés destruíronse durante o pasado mes de setembro 543 empregos, sendo os concellos do Grove e Cambados os que presentan un índice maior de desempregados con 158 e 107 parados máis respectivamente. Outros Concellos desta comarca nos que aumentou tamén o paro foron Meaño con 69, Ribadumia 49 e Vilagarcía 44. Aínda así non son todos datos negativos, houbo municipios coma Catoira, 11, Valga, 9, e Pontecesures, 2, nos que si se creou emprego. En canto ás comarcas do Barbanza e Muros-Noia a situación é moi semellante á do Salnés, aumentando o número de parados o pasado mes de setembro en 190 persoas. Por concellos onde máis se destruíu emprego foi Boiro con 69 desempregados máis, seguido de Pobra do Caramiñal con 47 e Ribeira con 44. O dato positivo obtémolo en Noia onde si se xerou emprego con respecto ó mes anterior, cun total de nove persoas máis que atoparon traballo.
BARBANZA> Cúmprense así os peores dos pronósticos para este primeiro día de traballo nas concesións de Cabío, os Lombos do Ulla e o Bohído. Ó redor duns 1.300 mariscadores das distintas confrarías de toda a Ría dispoñen de autorización para poder traballar nas concesións do libre marisqueo en Arousa. Aínda así non todos optaron por facelo neste inicio de campaña. As previsións xeradas, despois das mostraxes realizadas nas últimas semanas non eran demasiado satisfactorias. Máis ben todo o contrario, augurando pouco marisco. E a tenor do vivido nesta primeira xornada non se enganaron, xa que a maioría dos mariscadores tiveron serias dificultades para acadar os topes establecidos, como acontecía en Cabío. A triste realidade de Cabío, non dista en moito da que se viviu tamén nas outras concesións do libre en Arousa como poden ser o Bohído ou os Lombos do Ulla. Dende a maioría dos pósitos arousáns incídese novamente na necesidade de acometer dunha vez por todas un cambio no modelo produtivo do libre marisqueo. Un exemplo desta reclamación témola no patrón maior pobrense. Segundo el, o actual modelo de xestión é un auténtico fracaso. Polo de agora aínda é cedo para valorar o que será a campaña deste ano, e haberá que agardar ás próximas semanas para ver o que dan de si as concesións no libre. No mellor dos casos, e sempre e cando a presenza do marisco o permita, a campaña debería prolongarse ata marzo. Algo que, visto o visto, parece pouco probable.
BARBANZA> A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza vén de iniciar que se cubra a praza de psicólogo a tempo completo, xa que na actualidades só presta servizo dous ou tres días a semana. A través dunha campaña de recollida de sinaturas, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza, reclama unha mellora da calidade na atención á saúde mental que se presta na sanidade pública na comarca. Dende a Plataforma denunciaron que na actualidade o especialista que exerce a súa función no hospital está compartido con outro centro hospitalario, e só pasa consulta dous ou tres días á semana, co agravante de que cada seis meses cambia ademais de facultativo. Ante esta situación a Plafaforma decidiu iniciar unha campaña de recollida de sinaturas entre a veciñanza. Esta fin de semana membros da entidade estiveron xa recadando firmas no mercadiño de Ribeira. A próxima cita será o próximo sábado en Porto do Son, o día 11 estarán na Pobra do Caramiñal e o 17 en Boiro.
POBRA> O alto tribunal considera improcedente o seu despedimento, instando ó Concello ó pago duns 53 mil euros. O concello da Pobra do Caramiñal está obrigado ó pago dunha indemnización duns 53 mil euros ó exaparellador municipal, Manuel Sabín, por despido improcedente. A sentenza, ditada polo TSXG, indica ademais que o Concello deberá facer fronte tamén ás costas do proceso e o pago da seguridade social do extraballador municipal, que estivo desempeñando as súas funcións dende o ano 1999 ata abril de 2016, momento no que foi despedido polo actual goberno de Nós Pobra. En primeira instancia, o Xulgado do Social de Santiago xa lle dera a razón ó exaparellador, condenando ó Concello a indemnizalo ou readmitilo. Non se deron ningunha destas dúas opcións, e Manuel Sabín recorreu ó Tribunal Superior que agora volve a darlle a razón. Da nova tamén se fixo eco o Partido Popular. O seu portavoz, Manuel Durán, criticou as formas do equipo de goberno neste proceso, ó que agora co pago desta importante indemnización deberán facer fronte os veciños. A sentenza é firme e sobre ela non cabe xa recurso.
BOIRO> A actuación, cun orzamento superior ós 200 mil euros, será realizada con cargo ó remanente de tesourería do pasado exercicio 2016. Tratábase dun dos compromisos que o Partido Popular levaba no seu programa electoral para a presente lexislatura, e que segundo o alcalde, Xoán Xosé Dieste, será realizado a metade de mandato. Con estas afirmacións, o rexedor boirense dá réplica ás críticas formuladas nos últimos meses polos grupos da oposición que viñan demandando a realización desta obra. A actuación, cun presuposto próximo ós 200 mil euros, virá a solucionar os problemas de abastecemento de auga a varias zonas da parroquia de Bealo, especialmente na tempada estival.
HomeSUCESOSMostrando artigos por etiqueta: Barbanza Top of Page

Síguenos en facebook