• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus
RIANXO> O acto central desta fin de semana foi, sen dúbida, a multitudinaria procesión marítima. Un ano máis os rianxeiros volcáronse coa Virxe da Guadalupe na súa tradicional procesión marítima. centos de veciños e visitantes quixeron arroupar á Moreniña na súa travesía pola ría. A comitiva partía pasada a unha da tarde da capela do Campo onde se celebrou a misa solemne. De aí ó porto onde máis de trinta embarcacións agardaban á virxe para seguila no seu tradicional paseo marítimo. Entre as autoridades presentes, o propio alcalde, Adolfo Muíños, que quixo sumarse tamén a esta homenaxe á virxe mariñeira. Tanto por mar coma dende terra miles de fieis presenciaron emocionados a procesión que puxo a guinda ós festexos que durante a fin de semana encheron as rúas e prazas de Rianxo. Dende o venres pola noite, co chupitaso, e o posterior pregón o sábado a cargo de Eva Iglesias, as actividades fóronse sucendendo ca participación de centos de persoas que non dubidaron en achegarse ata a vila para disfrutar dos festexos. Por diante, queda aínda toda unha semana de festas que culminarán o próximo venres coa tradicional cantata da rianxeira na que miles de bengalas alumearan, na praza Castelao, unha noite máxica.
POBRA> Os nacionalistas cargan contra o executivo por non levar a cabo actuacións consensuadas nos orzamentos de 2016 de gran importancia para o desenvolvemento do municipio. Á falla xa de poucos meses para o remate do ano e sen presentar aínda o documento orzamentario para o presente exercicio, o BNG da Pobra quixo facer balance da xestión realizada polo goberno, segundo eles des-goberno de Nós Pobra durante este ano. Para os nacionalistas as obras realizadas polo equipo de goberno non van deixar marca nin van formar parte da historia da vila, ó ser mesmo incapaz de levar a cabo aquelas que foran incluídas por consenso nos orzamentos de 2016. Segundo eles trátanse de actuacións de gran calado social como a adquisición dunha parcela para a construción dunha escola infantil, a creación do Centro de Información á Muller ou a rede de centros sociais nas parroquias, así como tamén diversas propostas de mellora de seguridade viaria ou reordenación do tráfico entre outras. Aínda así, para o voceiro desta formación, Ramiro Ouviña, neste tempo déronse ademais dous exemplos sangrantes da incapacidade coa que, segundo el, actúa o goberno de Nós Pobra, como o feito de non por en marcha o Servizo de Normalización Lingüística, a pesares de ter cobrado o 50% da subvención, ou a perda da solicitude de axudas para a creación dunha Área de Rehabilitación Integral.
BOIRO> O Club agarda poder repetir a exitosa campaña do ano pasado na que estivo a piques de acadar o ascenso á Superliga 1 Masculina. Despois de vivir o pasado ano unha das tempadas máis gloriosas da súa recente historia, quedándose a un só paso do ascenso á máxima categoría do voleibol nacional, o Boiro Voleibol dá xa por pechado o seu plantel de cara a presente tempada, na que volverá a militar na Superliga 2 Masculina. O equipo xa iniciou os adestramentos, coa continuidade da maioría do plantel do ano pasado, co que confían repetir ós exitos da campaña anterior. Aínda que saben que será complicado. O Club xa pechou a continuidade de dous dos xogadores Pablo Redondo e Kevin Medina. O primeiro un xoven valor da magnífica canteira boirense e o segundo un receptor canario que lle aporta un salto de calidade ó equipo O acto foi aproveitado para presentar ós que serán os novos ‘sponsors’ do Club. A firma local Rotogal e o propio Concello, que este ano volverá a facer un gran esforzo na axuda que lle presta ó equipo.
POBRA> Os festexos celebraranse do 15 e 18 deste mes de setembro. Como é habitual cada terceiro domingo de setembro o concello da Pobra vivirá un dos momentos máis emotivos e de maior fervor relixioso: a procesión das mortallas, na que devotos chegados dende distintos puntos de Galicia ofrécense á Xesús de Nazareno como agradecemento por telos arredado da morte. É sen dúbida un dos atractivos principais desta festa. Aínda así dende a comisión organizadora e co fin de satisfacer a todo tipo de públicos elaborouse un amplo e variado cartel na que se inclúen as mellores orquestras de Galicia, xogos infantís e diversas actuacións musicais. Un aspecto a destacar na presente edición será o tema da seguridade. Principalmente o domingo 17 na que se celebrará a multitudinaria procesión na que se prevé a participación dunhas de 40 mil persoas. Dende a comisión de festas faise un chamamento tamén á veciñanza e ás empresas da localidade a que participen cos seus donativos para poder sufragar a tradicional traca da Covecha, debido a un inconvinte xurdido a última hora Dende a organización dos festexos agradecen tanto a empresa colaboradoras como ó veciños a súa aportación para poder seguir celebrando estes festexos tan representativos para a vila.
RIANXO> Nos próximos días procederase á sinatura dun convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o concello que permitirá poder levar a actuación cun orzamento de case 14 millóns de euros. O executivo rianxeiro mostrou a súa satisfacción polo anuncio aprobado no último Consello da Xunta que permitirá poder desenvolver a tan ansiada ampliación da EDAR. En próximas datas procederase a sinatura dun convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o propio Concello para a redacción e execución do proxecto que xa podería saír a licitación antes do remate do presente ano. O presuposto que se destinará a este proxecto ascende a preto dos catorce millóns de euros. As actuacións previstas permitirán completar o saneamento e a depuración das augas residuais do municipio a través da ampliación da súa planta de depuración existente na zona de Fincheira e á creación dunha nova rede de colectores e un tanque de tormentas. Con ela solucionaranse os problemas derivados do excesivo volume de augas residuais xerados na rede e a súa carga contaminante, especialmente por verteduras procedentes das industrias conserveiras existentes no termo municipal. A nova planta prevé unha capacidade total de tratamento para máis de 23 mil habitantes, moi por riba da actual. A actuación forma parte do Plan de saneamento local da Ría de Arousa cuxo obxectivo é incrementar a calidade das augas e mellorar as condicións ambientais dos núcleos costeiros.
Uxío Abuín será un dos cinco atletas que integrarán o equipo masculino español que participará na Gran Final das Series Mundiais de Triatlón o próximo sábado 16 de setembro na cidade holandesa de Rotterdam. O dodrense acompañará no combinado nacional ós tamén galegos Javier Gómez Noya e Iván Raña. O equipo estará integrado tamén por Fernando Alarza e Mario Mola, este último un dos principais favoritos a levarse a vitoria na proba. A de Uxío será a súa estrea este ano nas Series Mundiais. A proba máis importante de tódalas que se disputan. A convocatoria ó de Lestrove chégalle despois dos bos resultados acadados nas Copas de Europa disputadas nas Palmas de Gran Canaria ou en Altafuya, ou o quinto posto logrado no Europeo de Kitzbühel.
RIANXO> Coma de costume os festexos xirarán ó redor de tres citas destacadas: a procesión marítima, o feirón mariñeiro e a cantata da Rianxeira. A concentración das Juadalupeñas e o chupitaso na praza Castelao, e o posterior concerto de The Karavan, marcarán mañá venres o inicio das festas da Guadalupe. Un festexos declarados de interese turístico galego que espertan o interese, non só dos veciños da localidade, senón tamén de miles de forasteiros. A comisión de festas, arroupada polo Concello, deseñou para esa semana un amplo cartel de actividades co fin de satisfacer a todo tipo de públicos, tanto pequenos coma maiores. Un dos principais atractivos dos festexos será a procesión marítima do domingo na que os mariñeiros pasearán á súa virxe pola ría. O feirón mariñeiro do xoves será outro dos puntos neurálxicos da festa. As principais rúas da vila converteranse nun mercado tradicional que, cada ano, conta con maior implicación dos veciños. Pero sen dúbida, un dos momentos álxidos das celebracións chegarán o próximo venres co fin de festa. Miles de veciños e visitantes entoarán a rianxeira á luz das bengalas. Outra das propostas máis atractivas será o día das Juadalupeñas que virá tamén con importantes novidades este ano. Dada a ampla afluencia de xente que se prevé nestas datas, o Concello porá en marcha un dispositivo especial de tráfico e de seguridade, habilitándose ademais diversas zonas de estacionamento. Como principal novidade este ano instalaranse ademais aseos portátiles.
RIANXO> A organización do festival decidiu ampliar o número de actividades a todo o día, para aumentar a participación da xente da vila. Despois de dez anos, e xa cunha relativa maioría de idade para este tipo de eventos, o festival ‘Rock in Rian’ que se celebrará o próximo sábado no Parque de Galicia, a carón do auditorio municipal, presenta este ano importantes novidades. Sen dúbida a máis importante será ampliar o número de actividades ó longo de toda esa xornada, e non só pola noite, con diversas alternativas como poden ser roteiros culturais, un xantar popular, pasabares ou pasarrúas. Outra das novidades este ano é que o festival terá habilitado unha zona de acampada para todos aqueles festivaleiros que se acheguen ese día a vila. Festicultores, Daquidarría, Vendetta e Rebelióm do Inframundo serán os grupos principais que se subirán ese día ó escenario a partir das dez e media da noite. Dende a organización quixeron agradecer tamén a colaboración do Concello, así como tamén das empresas patrocinadoras, xa que sen a súa axuda sería inviable poder levalo a cabo. Así que xa o saben, o ‘Rock in Rian' pode ser unha boa alternativa de lecer para esta fin de semana.
BOIRO> A formación pide que sexan destinadas a garantir o dereito a unha vivenda digna ás persoas con menos recursos do Concello. Boiro novo presentou unha proposta ó vindeiro pleno solicitando a rehabilitación das antigas vivendas dos mestres, situadas na zona de Praia Xardín, hoxe inutilizadas e nun estado lamentable de conservación. Para levar a cabo o seu adecentamento, dende a formación apuntan a que o Concello pode acollerse a unha liña de axudas da Xunta para este fin. Unha vez rehabilitadas, as vivendas poderían ser destinadas a garantir o dereito a unha vivenda digna ás persoas con menos recursos do Concello.
RIBEIRA> A administración Número de Ribeira entregou o primeiro premio do sorteo da Lotaría Nacional deste xoves. A totalidade da serie, premiada con trescentos mil euros, vendeuse no restaurante Praia do Vilar moi frecuentado por turistas.
A escaseza de capturas de polbo no mercado galego provocou unha escalada dos prezos deste cefalópodo que chegou a alcanzar os quince euros. A pesar destas contías non aptas para moitos petos, o produto segue tendo moita saída neste mes de agosto cando se incrementa notablemente a demanda. Off A pesar do bo arranque nas dúas primeira semanas trala veda, a campaña do polbo está a atravesar peores momento dada a escaseza do recurso. Tanto é asi, que algunhas embarcacións optaron por cambiar de arte. Inserto Escasean as capturas nun mes no que aumenta a demanda, especialmente por parte do sector hostaleiro. Estes dous factores inflúen no prezo que nas últimas semana acadou unha media de quince euros. Aínda así, os profesionais agardan a que a situación mellore da cara ós próximos meses, ó igal que acontecera o pasado ano cando a aparición de abundante cefalópodo a partir do mes de outubro fixo que se pechara a campaña cun dos mellores resultados dos últimos anos.
POBRA> Por segundo ano, a Pobra acollerá o festival Entre Bateas, promovido pola asociación cultural Xente ás Leiras. Desenvolverase a última fin de semana de agosto e contará cun día máis que na primeira edición.
HomeSUCESOSMostrando artigos por etiqueta: Barbanza Top of Page

Síguenos en facebook