• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus
BOIRO> Boiro Novo homenaxeará a Antonio Seoane co gallo do Día da Galiza Mártir. Será o venres día 18 nun acto que contará coa participación de destacados persoeiros da política e da cultura galegas.
BOIRO> Ó igual que fixeran outros grupos da oposición, Iniciativa Cidadá de Boiro oponse ó proxecto de saneamento que se está a levar a cabo no río Breiro. Cualifícano de despilfarro e de atentado ecolóxico posto que supuxo a tala de numerosas árbores autóctonas.
BOIRO> A Xunta de Galicia colabora coa Federación Galega de Ciclismo no reparto de cortaventos reflectantes destinados a garantir a visibilidade dos deportistas nas estradas e a aumentar así a súa seguridade. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, realizou esta mañá en Boiro a entrega destas prendas.
BOIRO> O BNG de Boiro demanda a mellora dos accesos á praia de Barraña na zona de Rebordelo. Piden que se limpe a maleza e se acondicione o vello peirao posto que o actual estado de deterioro supón un risco para os usuarios da praia.
BOIRO> O rexedor boirense gabou o labor realizado polos traballadores municipais durante as pasadas festas. As críticas vertidas dende o BNG referidas á falla de limpeza das rúas e o deficiente servizo de recollida de lixo, especialmente durante as pasadas festas do verán, non foron ben recibidas no executivo, ó considerar que non se axustaban á realidade. Tanto o alcalde, Xoán Xosé Dieste, coma o coordinador de Servizos, Nacho Pérez, negaron tales críticas, afirmando que si se realizou un bo traballo, reforzando e mesmo incrementado considerablemente o servizo prestado. Dende o Concello apuntouse a que se trata dunhas críticas inxustas e desafortunadas por parte do BNG, que provocaron un gran malestar nos propios traballadores municipais. O alcalde aproveitou tamén a ocasión para agradecer precisamente o traballo que realizan os operarios municipais. Un traballo que en numerosas ocasións non é recoñecido.
BOIRO> Para os nacionalistas o envellecemento da poboación fai cada vez máis necesario este servizo. Dende o BNG sinalan que cando tiñan responsabilidades de goberno remataron o actual centro de día, dando ademais os primeiros pasos para a consecución da residencia para a localidade. Pasos que coa entrada do Partido Popular na Alcaldia paralizáronse.
BOIRO> Dieste negou que se producira unha tala de árbores indiscriminada e segundo el a actuación porá fin a numerosos focos de vertidos urbanos. Sen querer entrar en polémicas, o alcalde aludiu á enorme importancia desta actuación amplamente demandada, cun presuposto que supera os dous millóns de euros. Segundo el, con ela ponse fin a un problema de numerosos focos de vertidos urbanos que van parar ó mar, corrixindo eivas existentes na rede xeral realizadas por goberno anteriores. Por esta razón non entende a polémica que está a suscitar a obra, principalmente por parte dalgúns grupos da oposición, ó considerar que se trataba dun atentado ecolóxico, coa tala indiscriminada de árbores autóctonas que se atopan neste bosque de ribeira. O alcalde referiuse tamén ó que significará no futuro este proxecto que leva aparellado a construción dun espazo verde, que incluirá unha pasarela de madeira, un pequeno merendeiro e unha senda peonil ata a praia de Barraña. A actuación súmase as numerosas obras realizadas nos últimos anos en materia de saneamento achegados tanto con fondos propios coma procedentes doutras Administracións, cun investimento próximo ós dez millóns de euros, de cara a renovar a obsoleta rede xeral.
RIBEIRA> Está acusado dun delito de homicidio ou asasinato. Transcorridas apenas 48 horas dende a súa detención, Samuel V.P., de 38 anos e veciño de Boiro, pasaba esta mañá, ó redor das once e cuarto a disposición xudicial no Xulgado Número 2 de Ribeira. Entraba pola cocheira dentro dun vehículo policial. Para el a xuíza que leva o caso decretou o seu ingreso en prisión provisional e sen fianza por un delito de homicidio ou asasinato. O seu arresto producíase xa na madrugada do pasado luns, na propia vivenda da vítima en Triñáns. No interior da mochila que levaba, os axentes atoparon unha camiseta chea de sangue e un coitelo, co que ó parecer atacou á sesaxenaria. Fontes do propio Instituto Armado informaron de que se trata dun vello coñecido das forzas da orde fundamentalmente por tráfico e consumo de estupefacientes, así como tamén pola súa actividade coma furtivo.
BOIRO> O alcalde, Xoán Xosé Dieste, procedía á súa inauguración oficial despois das obras levadas a cabo nos últimos meses e que supuxeron, entre outras actuacións, a instalación de céspede artificial de última xeración. Un número importante de veciños asistiron onte pola tarde á inauguración oficial do campo de fútbol de Valiño en Cabo de Cruz despois das obras levadas a cabo. Foi unha actuación integral, que supuxo ademais da instalación de céspede artificial de última xeración, unha renovación case total das instalacións incluíndo melloras nas casetas, nas gradas e tamén no alumeado. En total máis de 320 mil euros asumidos con fondos municipais. Segundo o alcalde a actuación permitirá favorecer principalmente ó deporte base local, seguindo na liña do traballo realizado polo equipo de goberno nestes últimos anos de ir mellorando as instalacións deportivas municipais. Xa no propio terreo de xogo, acompañado de moitos xogadores da escola municipal, o alcalde puido comprobar o resultado das obras, dándolle os primeiros toques ó balón sobre o novo terreo de xogo.
BOIRO> Dende a formación consideran que se trata dun claro atentado ecolóxico, xa que se está a producir unha tala indiscriminada de árbores autóctonas que se atopan neste bosque de ribeira. A pesar de non estar en contra da actuación, dende Boiro Novo consideran que as formas nas que se están a desenvolver as obras non son as correctas, de aí que esixan a súa paralización. Para Boiro Novo resulta tamén bastante curioso que no momento no que se está a desenvolver esta importante actuación de carácter medioambiental, se faga público o anuncio da marcha do edil de Medio Ambiente.
BOIRO> A actuación está incluída nas obras de saneamento que está a levar a cabo Augas de Galicia. Atendendo a unha queixa formulada polos propios veciños da zona e da que tiveron coñecemento tamén a través do grupo municipal de Boiro Novo, En Marea reclámalle a Augas de Galicia a paralización inmediata da tala indiscriminada de árbores de ribeira que se está a realizar na contorna do río Breiro con motivo das obras de mellora no colector do río. Para a fomación nacionalista trátase dun grave atentado medioambiental que está a ser realizada co visto e prace do Concello e da propia Xunta de Galicia. Para Antón Sánchez este tipo de accións requiren dun estudo previo das árbores, priorizando o interese medioambiental. Dende En Marea consideran que estas talas agresivas e indiscriminadas poderían entrar en conflito coa lei de conservación e regulación de ribeiras, polo que insta á Xunta a proceder con criterio técnico e cunha planificación que teñan en conta a erosión que estas cortas poden causar nos leitos dos ríos.
BOIRO> Xa hai un detido como presunto autor do crime e todo apunta a un posible axuste de contas. A tranquilidade habitual de Triñáns, unha aldea da parroquia boirense de Abanqueiro, veuse esta mañá alterada, nada máis coñecerse a nova da tráxica morte de Carmen Dieste, coñecida no lugar como Carmucha, de 66 anos de idade. O seu corpo foi atopado no interior da súa casa, ó parecer con varias coiteladas. Foi o propio presunto autor do crime, un veciño da localidade, con iniciais S.V.P. de 38 anos o que alertou ó 112 do acontecido. Ata o lugar desprazáronse varias patrullas da Garda Civil que localizaron no exterior da casa a este individuo, que portaba unha mochila. No rexistro da bolsa os axentes atoparon unha camisa chea de sangue e un coitelo, polo que procederon á súa detención. Fontes do propio Instituto Armado descartaron que se tratase dun crime pasional. Todo apunta a un posible axuste de contas como causa máis probable da morte.
Páxina 1 de 66
HomeSUCESOSMostrando artigos por etiqueta: Boiro Top of Page

Síguenos en facebook