• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus
NOIA> O técnico redondelán, que volverá ós banquiños despois de ano e medio de inactividade, mostrouse ilusionado con esta nova experiencia á fronte do conxunto noiés na Segunda División do fútbol sala a nivel nacional. O Noia Portus Apostoli Fútbol Sala xa conta con novo adestrador. Trátase de Julio Mougán. O técnico redondelán será o encargado de guiar a nave noiesa a próxima tempada na Segunda División, competición na que xogará por primeira vez na súa historia. Acompañado do presidente, Severino Barreiro, e tamén do director técnico do Club, Javi Barreiro, foi presentado esta mañá en rolda de prensa na sede dun dos seus principais patrocinadores, Grúas Egalsa. No acto, no que tamén estivo presente o edil de Deportes Ramón Santos, explicáronse as razón da súa elección. Mougán, un técnico cualificado e con ampla experiencia na categoría, mostrouse ilusionado con este novo proxecto. Entre os seus obxectivos figura manter o equipo na categoría de prata. Un reto complicado pero que agarda poder cumprir coa implicación de todos, en especial coa dos xogadores. O Club xa traballa na configuración do plantel, no que se prevé a continuidade da base do grupo do ano pasado, coa incorporación de catro ou cinco caras novas que lle virán a dar un salto de calidade ó equipo.
NOIA> A Garda Civil de Noia desartellou un punto de venda de droga a menores. As investigacións iniciadas pola Policía Xudicial a principios do mes de xuño culminaron coa detención dun mozo da localidade que distribuía substancias estupefacientes entre rapaces moi novos, algúns mesmo de trece anos.
NOIA> Éxito de público da Feira Medieval de Noia que, nesta vixésima edición, atraeu ata a vila a miles de visitantes. Como novidade, o programa incluíu unha arribada de peregrinos que, a través dunha marcha nocturna, reivindica o papel histórico da vila como Portus Apostoli.
MUROS/NOIA> As eivas no servizo de recollida de lixo nos concellos da Mancomunidade de Municipios Serra do Barbanza continúan para desesperación dos veciños. As desavinzas entre FCC e a Mancomunidade de Municipios Serra do Barbanza, entidade que xestiona a planta de recollida de lixo de Lousame, que empregan, ademais deste último municipio outros concellos coma o de Muros, Porto do Son ou Noia, están a crear novos problemas no servizo de recollida de lixo. Non era un problema novo. As constantes avarías nos vehículos que a empresa utiliza e que non poden realizar a súa tarefa, están a provocar que o lixo se acumule de xeito notable a carón dos contedores. A situación está a provocar un gran malestar entre os veciños destes concellos, que non entenden as razóns que se están a dar para xustificar esta situación. Temen que se produza un problema grave de saúde pública, máxime coas altas temperaturas destes días Algúns grupos políticos como é o caso do Partido Popular de Muros estánse a facer eco desta problemática. A súa voceira Inés Monteagudo vén de esixirlle á Mancomunidade do Barbanza e tamén ó propio goberno municipal que adopten as medidas urxentes necesarias que permitan terminar dunha vez por todas cos problemas que existen no servizo de recollida de lixo do municipio. Tamén a Marea de Noia lle solicitou ó alcalde que se decrete unha intervención temporal para garantir a salubridade das rúas ata que se arranxen os camións e así, na fin de semana, na que a vila celebra ademais a súa feira Medieval, non se acumulen máis lixo.
NOIA> A actuación, coa que se busca transformar a fachada marítima da vila, contará cun investimento duns 60 mil euros. Unha vez que a terceira parte do proxecto ‘As Portas do Mar’ está prácticamente lista, o executivo noiés xa elaborou un novo proxecto para acometer unha cuarta e definitiva fase para esta actuación que busca a humanización e o empedrado da fachada marítima da vila. Paralelamente a actuación levará consigo tamén outro proxecto que busca disimular de algún xeito a zona de contedores do lixo existentes na zona, mellorando o aspecto visual da rúa.
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza investiu preto de sesenta mil euros na recuperación da senda fluvial do Rego das Cunchas en Noia. A intención do concello é darlle continuidade á actuación coa rehabilitación dos muíños da zona. Off A actuación permitiu mellorar a senda peonil que, ó longo de aproximadamente un quilómetro, conecta o conxunto etnográfico dos once muíños do rego das Cunchas, na parroquia noiesa de Santa María de Roo. Ademais do incremento da seguridade, o investimento autonómico permitiu a instalación de paneis e mesas informativos sobre a historia e funcionalidade dos muíños así como sobre a fauna e flora da zona. Este sendeiro enmárcase nun espazo patrimonial de gran interese como é a Central Hidroeléctrica do Tambre. Trátase dunha primeira fase que podería ter continuidade coa rehabilitación dos muíños.
NOIA> O Noia Fútbol Sala xogará na próxima semana na Segunda División. O ascenso á categoría nacional supón un reto para o equipo que contará co apoio dos patrocinadores e do concello para competir con tódalas garantías.
NOIA> A Xunta de Galicia e o concello de Noia investirán preto de novecentos mil euros na reforma da praza de abastos. O obxectivo é mellorar o aproveitamento do espazo así como a integración do inmoble no casco histórico.
NOIA> A actividade, organizada polo Club Baloncesto Noia en colaboración co Concello, está dirixidas a rapaces dos seis ós dezaseis anos. O próximo luns arrancará unha nova edición, e xa van doce do Campus de Baloncesto José Ángel Antelo. A actividade estará dirixida a rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os seis e os dezaseis anos, que se inicien na práctica deste deporte ou desexen perfeccionar os seus coñecementos. José Ángel Antelo, xogador local, que lle dá nome ó Campus, participou tamén na presentación, anunciando que será parte importante da actividade. Dende o concello noiés, que colabora tamén na organización do campus, destacaron a importancia desta actividade, como o feito de poder contar cunha figura destacada no mundo do baloncesto a nivel nacional.
NOIA> Noia acollerá entre o dous e o catro de agosto o Festival Internacional de Arpa. Nesta cuarta edición destaca a alta participación de artistas locais que compartirán escenario coas máis grandes figuras internacionais nesta disciplina.
NOIA> A Patrulla Fiscal da Garda Civil de Noia procedeu á realización de varias inspeccións administrativas en distintos establecementos de Porto do Son e Noia. Netes locais interviron máis de 2.600 botellas de vidro e máis de 1.300 botes de Coca Cola por carecer da correspondente información ó consumidor en lingua oficial, sendo a súa posible orixe danesa ou francesa. Durante as inspeccións os axentes tamén se fixeron con 192 paquetes de tabaco de contrabando. Todo o material incautado foi precintado nos propios establecementos quedando a disposición da propia autoridade sancionadora.
NOIA> A proposta, que se enmarca no programa de cooperación interterritorial Galicia-Norte de Portugal, foi presentada esta mañá en Noia pola directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe en Noia na presentación do proxecto de cooperación internacional Lidera, impulsado pola Xunta de Galicia e no que participan ademais outras entidades galegas e portuguesas. O obxectivo desta iniciativa non é outro que poñer en valor as capacidades laborais e de emprendemento da xente nova que reside, tanto en Galicia coma no norte de Portugal. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado actúa como actor principal desta proposta na que ten como socios galegos a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio de Santiago e a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia, Ascega. Na parte portuguesa, as institucións que participan son o Instituto Portugués do Deporte e da Xuventude, a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís e a Comunidade Intermunicipal do Ave. O proxecto ten de prazo de execución ata o ano 2019 e levarase a cabo en tres fases principais denominadas Crece, Cataliza e Emprende. Entre outras sedes, na zona, ademais da de Noia, a Dirección Xeral de Xuventude porá a disposición do programa tamén o espazo xoven de Vilagarcía.
Páxina 1 de 42
HomeSUCESOSMostrando artigos por etiqueta: Noia Top of Page

Síguenos en facebook