• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus
Xoves, 22 Xuño 2017 18:30

101 anos de traballo e de vida

Pontevedra> O alcalde de Pontevedra entregoulle esta mañá un ramo de flores a Manuela Pazos, unha veciña da cidade que hoxe cumpre 101 anos. Ten 5 netos, 3 bisnetos e, nun mes, terá o seu primeiro tataraneto. Manuela di que o seu desexo, no seu día de aniversario, é poder ver e vivir nun mundo mellor.
Publicado en PONTEVEDRA
Pontevedra> O sábado 24 de xuño, as piscinas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, acollerá o campionato Galego Cadete Mixto de waterpolo. Unha cita que disputarán o Pontevedra, o Santiago, o Coruña e o Marina de Ferrol. O gañador desta competición irá directo ao Campionato Nacional.
Publicado en PONTEVEDRA
PONTEVEDRA> "Ningún neno sen bigote". Esta é a determinación da Garda Civil de Pontevedra. A comandancia presentou esta mañá os máis de 2.000 litros de leite que conseguiron xuntar na campaña que puxeron en marcha, para garantir que os cativos das familias máis desfavorecidas teñan alimento tamén durante o verán. Na Comandancia de Pontevedra, a Garda Civil presumía hoxe dos resultados da súa campaña "Ningún neno sen bigote". Con 2.000 litros de leite conseguidos, axudarán a que os cativos das familias máis desfavorecidas teñan unha alimentación equilibrada tamén no verán, cando pechan os comedores escolares. A Benemérita decidiu sumarse á campaña organizada a nivel nacional pola Fundación La Caixa. Sumando unha tarefa máis, e moito máis gratificante, aos seus labores. Comercios, supermercados, particulares e incluso protectoras de animais colaboraron nesta campaña. Tamén os centros escolares. Non en van, os axentes aproveitaron en moitas ocasións as charlas que imparten aos nenos nos colexios para dar a coñecer a iniciativa. O leite foi entregado ao Banco de Alimentos, que se encargará agora de repartilo entre as familias máis necesitadas. Unha axuda que agradeceron ao Instituto Armado. Esta achega axudará á organización a manter o seu stock deste alimento, tamén no verán.
Publicado en PONTEVEDRA
PONTEVEDRA> A Carreira Ponle Freno chega a Pontevedra. A cita, organizada polo Grupo Atresmedia, celebrarase o 1 de xullo, e busca promover a seguridade viaria. A recadación destinarase íntegramente á Asociación Pedaladas, para seguir adiante co proxecto “Ao INSTIen BICI”, para potenciar a educación viaria nos escolares. Pontevedra será o escenario da segunda carreira Ponle Freno. A cita naceu en Madrid no ano 2008 da man do Grupo Atresmedia, para concienciar da seguridade viaria. Dende hai dous anos percorre diferentes zonas de todo o Estado. A cita celebrarase o 1 de xullo, saíndo da praza de España ás 21.30. O percorrido será maioritariamente urbano, buscando que participe o maior número de corredores. As inscricións estarán abertas ata o 28 de xuño, a escoller entre dúas modalidades: 5 euros para os que opten polo percorrido de 5 quilómetros, e 10 para os que se animen co trazado de 10. O recadado destinarase íntegro á Asociación Pedaladas, para seguir adiante co seu programa “Ao INSTIenBICI”. A proba vén substituír á PonteNoite 5+5 no Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra, sendo a quinta puntuable.
Publicado en PONTEVEDRA
PONTEVEDRA> Xa hai data para o inicio das obras de saneamento do río Gafos. Os traballos comezarán o vindeiro luns 19 de xuño, segundo explicou o propio alcalde de Pontevedra despois dun encontró con representantes da asociación Vaipolorío. O proxecto conta cun orzamento de máis de 830.000 euros. O vindeiro luns 19 de xuño arrincarán as obras de saneamento do río do Gafos. O alcalde de Pontevedra fixo o anuncio tras un encontro con representantes da asociación de Vaipolorío, destacando a importancia desta actuación. O proxecto conta cun orzamento de máis de 830.000 euros, e inclúese nos convenios por saneamento asinados coa Deputación de Pontevedra. En concreto, instalaranse máis de 3.300 metros lineais de tubaxe, e actuarase nun total de 129 pozos. Todo cun prazo de execución de 9 meses. Dende Vaipolorío apuntaron que, aínda que se actúe no termo municipal de Pontevedra, tamén sería preciso intervir no de Vilaboa, completando o saneamento con máis actuacións río arriba.
Publicado en PONTEVEDRA
PONTEVEDRA> O Atlantic Fest será un dos escenarios da nova iniciativa da Deputación Provincial. A institución quere concienciar contra o acoso sexual, cunha campaña que levará a todos os festivais amparados baixo a marca Rías Baixas Fest. Co lema “Lembra! Eu decido, ti respectas”, pon o acento sobre a violencia sexual que sofren as mulleres. Cada oito horas prodúcese unha agresión sexual. Son tres mulleres violadas a diario. Estes son datos do Ministerio do Interior, e unha cifra que a Deputación de Pontevedra quere combater. Hoxe, a institución presentou a súa campaña de concienciación contra o acoso sexual. Baixo o lema “Lembra! Eu decido, ti respectas” a campaña estrearase en todos os festivais que ampara a marca Rías Baixas Fest. Nos recintos haberá un postos de información móbil. Alí tamén terán merchandising, como gorros de palla e pegatinas. A Deputación tamén editou 20.000 folletos a modo de guía de peto. 10.000 diríxense a potenciais agresores, buscando combater mitos e dándolles instrumentos para identificar comportamentos que poden ser constitutivos de delitos. Os outros 10.000 destínanse as mulleres, con oito consellos que buscan previr dous tipos de violencia sexual: a agresión en cita, cando o agresor é un amigo ou coñecido, e a submisión química, cando hai tóxicos que anulan a vontade. Esta campaña de prevención e educación diríxese principalmente aos adolescentes, por iso arrincará nos festivais, pero a intención da Deputación é que chegue aos centros educativos co vindeiro curso escolar.
Publicado en PONTEVEDRA
PONTEVEDRA> Pontevedra substitúe a Feira do Libro por unha auténtica festa. Trece librarías da cidade uníronse ao concello na primeira edición da Festa dos Libros, que encherá de actividades de todo tipo a Praza da Ferraría. Os días 23, 24 e 25 de xuño música, teatro, literatura e autores encherán o espazo para animar a lectura. Pontevedra pon en marcha unha substituta para a Feira do Libro. Será a Festa dos Libros, que animará a Praza da Ferraría os días 23, 24 e 25 de xuño con actividades do máis variado. Marta Robles, Manuel Jabois ou Macarena Berlín presentarán os seus libros no marco desta festa. Iria Collazo, Luis Davila, Gogue, Kiko Dasilva ou Francesco Iannelli asinarán exemplares. Unha velada literaria con Ana Cabaleiro e o seu libro Sapos e Sereas ou un vermú poético con María Xesús Nogueira e Antón Lopo, son outras das propostas do programa. Trátase dun evento completamente novo, que organiza o concello coa participación de trece librarías da cidade. Elas abrirán os seus postos dende a mañá ata entrada a noite, ofrecendo un desconto do 10% en todas as compras. Outra das actividades que precisa de inscrición é un Paseo pola Pontevedra Literaria. Será o sábado 24 ás 11.30 coa poeta Lucía Novas. Hai cincuenta prazas dispoñiibles.
Publicado en PONTEVEDRA
PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra prepara un plan integral de calmado de tráfico para a parroquia de Mourente. Tras poñer en marcha o de Salcedo, o goberno local contempla actuacións para mellorar a mobilidade peonil e ciclista na parroquia. Tamén instalarán un total de 50 lombos. O orzamento do plan será de máis de 150.000 euros. Tras Salcedo, o concello quere levar os criterios do modelo urbano á parroquia de Mourente. O goberno local presentou o plan integral de calmado do tráfico para esta zona, que busca mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade. Como medida principal, instalaranse 50 lombos nas estradas da parroquia. Segundo Oubiña, a súa colocación foi consensuada cos veciños nos diferentes encontros, tendo sempre en conta os criterios técnicos. Esta actuación conta cun orzamento de máis de 150.000, e vence sumar aos case 700.000 que xa investiu o executivo local na reforma integral de Os Campos, os accesos ao Casino Mercantil, Os Areás e a rúa do Costado. Fóra deste plan quedan o entorno do colexio Vilaverde e a área de Montecelo, que contarán con actuacións específicas.
Publicado en PONTEVEDRA
PONTEVEDRA> Pontevedra segue a ser o berce de numerosas probas deportivas. Este domingo nacerá na cidade a 4 Picos Road Clásica Evaristo Portela. Unha marcha cicloturista que busca que os participantes gocen do entorno sen competir. O percorrido completo chegará aos 138 quilómetros e xa hai máis de 500 inscritos. A 4 Picos Road Clásica Evaristo Portela estréase este domingo en Pontevedra. Unha nova marcha cicloturista que nace para redondear a marca 4 picos. Nesta festa do ciclismo os participantes poderán escoller ata tres distancias diferentes. E é que a intención da organización é que sexa accesible para todos os públicos. Nesta primeira edición participarán 510 persoas, entre elas ciclistas de renome como Moisés Dueñas, Álvaro Pino ou Javier Guillén. Tamén estará o gañador do Tour de Francia Óscar Pereiro. A saída da proba darase de xeito neutralizado ás 9 da mañá do domingo dende a Avenida Montero Ríos.
Publicado en DEPORTES
PONTEVEDRA> 22 millóns de euros para 27 estradas provinciais. Este é o resumo do Plan de Actuacións 2017-2018 que hoxe presentou a Deputación de Pontevedra. Todas elas están incluídas na chamada Estratexia de Mobilidade 3.0, que persegue os criterios de conectividade, seguridade, viabilidade e poboación. A Deputación de Pontevedra pon a pleno rendemento o seu servizo de Mobilidade. O departamento investirá 22 millóns de euros no marco do Plan de actuacións 2017-2018, todas elas contempladas na chamada Estratexia de Mobiilidade 3.0, que atende os criterios conectividade, seguridade, viabilidade e poboación. Segundo explicaron esta mañá, son 27 actuacións en estradas provinciais de 20 municipios de toda a provincia. Todas axústanse ao novo decálogo da Deputación, e atenden a peticións xurdidas das entrevistas con 52 alcaldes que solicitaron máis de 200 obras. Este venres a xunta de goberno aprobará as cinco primeiras actuacións. Intervencións que, segundo César Mosquera, serán as primeiras das moitas que chegarán a partires de agora. O goberno provincial insistiu tamén en que todas as obras están ben enfocadas e atenden a unhas normas equitativas. Segundo Silva, é a primeira vez que a Deputación ten unha estratexia global de actuación. As obras financiaranse con 15 millóns de euros da área de Mobilidade e 7 da de Cooperación.
Publicado en PONTEVEDRA
PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra, satisfeito polo que considera un repunte na rehabilitación de edificios do centro histórico. Esta mañá, a comisión de urbanismo valorou unha solicitude para rehabilitar un inmoble na rúa Real e a licenza de primeira ocupación para unha residencia da terceira idade no antigo edificio de Almacéns Rodiño. Satisfacción no concello de Pontevedra polo que consideran un repunte na rehabilitación de edificios do centro histórico da vila. A Comisión de Urbanismo desta mañá tivo sobre a mesa unha solicitude para rehabilitar un edificio na rúa Real. Tamén a licenza de primeira ocupación para unha residencia da terceira idade no antigo edificio de Almacéns Rodiño, na rúa Don Gonzalo, que se presentará na xunta de goberno local do vindeiro luns. A licenza chegará despois de tres anos de trámites, e dará luz verde a un centro que formará parte dun complexo residencial e asistencial para maiores. Dende o pasado marzo, a Oficina Técnica de Rehabilitación informou de 36 expedientes e 12 autorizacións ante a Consellería de Cultura.
Publicado en PONTEVEDRA
POIO> A tradición continúa a ser a gran protagonista das Festas de San Xoán de Poio deste ano. Hoxe coñecimos os nomes dos encargados do pregón. Serán Luis “O Caruncho” e Bieito Lobariñas, e farano a xeito de regueifa. Ou o que é o mesmo: un desafío oral, improvisado e en verso. Será o día 22 de xuño, dando comezo á Semana Grande das festas. O dúo formado por Luis “O Caruncho” e Bieito Lobariñas serán os encargados de dar a saída á semana grande das festas patronais de Poio. Unha modalidade que encaixa na filosofía que o concello quixo aplicar ao programa deste ano: a recuperación da tradición. Ademais de manter as fogueiras, as sardiñadas e a recollida das herbas de San Xoán, o concello recupera este ano outra tradición: a do pasarrúas de cabezudos pola PO-308. O desfile será previo ao pregón o día 22 de xuño.
Publicado en PONTEVEDRA
Páxina 1 de 75
HomeSUCESOSMostrando artigos por etiqueta: Pontevedra Top of Page

Síguenos en facebook