• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus
PONTEVEDRA> A Xunta colabora coa Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía e a Zona Franca para impulsar o emprendemento no sector forestal. O conselleiros de Economía, Francisco Conde estivo, este venres, en Pontevedra, onde sinalou a importancia do sector forestal na comunidade. O sector forestal na nosa comunidade é un dos máis importantes. Conscientes de esta realidade dende a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Zona Franca e coa colaboración da Xunta, van a afondar na posta en valor do emprendemento no sector.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
PONTEVEDRA> A aposta por potenciar Galicia como destino náutico é decidida. Esta mañá en Pontevedra presentouse o proxecto Ecodestin, que busca potenciar este sector na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A iniciativa, financiada con fondos europeos, conta con dous millóns de orzamento, e levarase en principio a dezasete portos galegos. Potenciar Galicia como destino náutico único e educativo é o obxectivo do Proxecto Ecodestin. A iniciativa busca integrar o patrimonio na oferta náutica da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O plan conta cun investimento de máis de 2 millóns de euros, e desenvolverase dende o 2017 ao 2019. Combarro, Sanxenxo, Cabo da Cruz, Vilagarcía de Arousa ou Cambados son algúns dos portos galegos sobre os que actuará este plan, aos que se suman oito portugueses. A intención é atraer visitantes nacionais e, sobre todo, internacionais, facendo especial fincapé na promoción en Francia, Alemaña, Países Escandinavos e Norte América. Ofrecendo un produto completo e atractivo. Ademais deste proxecto, nas rías galegas xa funcionan os minicruceiros, os dez ferries previstos para o mes de setembro e as excursións en veleiro. Todo dando forma a unha oferta náutica que agarda estar a pleno rendemento o vindeiro ano.
Publicado en PONTEVEDRA
CAMBADOS> O concello de Cambados denuncia un novo recorte en materia sanitaria no municipio. Durante o mes de setembro, o centro de saúde pechará oito tardes. Dende a concellería de Sanidade, apuntan á falta de substitucións do persoal como motivo, e denuncian a intención privatizadora da Xunta de Galicia. No mes de setembro, os cambadeses verán reducido o horario do seu centro de saúde. Segundo anunciou o SERGAS, o ambulatorio pechará oito tardes; decisión que, segundo apuntan dende o concello, dificulta o acceso á sanidade de moitos veciños. Cordal non ocultou o seu malestar. Para el, esta medida é froito do afán privatizador da Xunta de Galicia respecto da sanidade pública, e un recorte máis nos servizos que padecen en Cambados. Tampouco gusta que dende o goberno autonómico non se notificara ao concello esta medida. Unha mostra máis, asegura, da falta de diálogo do executivo de Alberto Núñez Feijóo. Dende o concello cambadés xa amosaron en varias ocasións a súa oposición á política sanitaria da Xunta. A máis recente, a moción que apoiaron a semana pasada solicitando a retirada do anteproxecto de Lei de Saúde, que convertirá a área sanitaria de O Salnés nun distrito da de Pontevedra.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
VILAGARCÍA> O persoal do Hospital do Salnés mantén a súa oposición ao anteproxecto da Lei de Saúde da Xunta. Como anunciaran, esta mañá celebrouse diante do centro a primeira das concentracións semanais que celebrarán para demostrar o seu rexeitamento da norma. A mobilización repetiuse nas outras tres áreas afectadas. O Hospital do Salnés acolleu esta mañá a primeira concentración semanal contra o anteproxecto da Lei de Saúde da Xunta. A Xunta de Persoal do centro expresou a súa oposición á nova norma. A concentración de O Salnés tivo a súa réplica nas outras tres áreas que tamén, segundo explican dende a Xunta de Persoal, desaparecerán coa reforma: O Barco, Burela e Monforte. Con esta mobilización, o que buscan é a retirada do anteproxecto que conta con máis de 1.500 alegacións. As mobilizacións repetiranse cada semana, pero a intención das áreas afectadas á preparar unha manifestación a gran escala para demostrar que non están sós nas súas reclamacións. Non hai data fixada, pero calculan que será a finais de setembro. Ademais de explicar o contido desta reforma, a intención da xunta de persoal é reactivar a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés. Un obxectivo para o que contan con algunhas formacións políticas, sindicatos e colectivos sociais. Por iso celebrarán reunións nos diferentes concellos da área sanitaria de O Salnés, empezando o vindeiro martes en Vilagarcía. Tamén presentarán mocións nos plenos dos concellos para buscar o apoio das corporacións.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
VILAGARCÍA> A Lei de Saúde de Galicia non vai prexudicar aos pacientes nin eliminará os hospitais comarcais. Así o defenden dende a xerencia da área de xestión integrada de Pontevedra-O Salnés. Segundo a súa directora asistencial, os pacientes non van notar ningún cambio, xa que as modificacións son meramente organizativas. Tamén asegura que, ao contrario do que se cre, blinda os centros comarcais, como o Hospital do Salnés. A xerencia da área de xestión integrada Pontevedra-Salnés defende o polémico anteproxecto de Lei de Saúde de Galicia. Aseguran que con esta modificación da lei de 2008 blindaranse os hospitais comarcais. Insisten en que os máis beneficiados serán os pacientes, que non notarán importantes cambios na súa atención sanitaria. Segundo Fernández Arruti, os cambios serán unicamente organizativos. Así, de once áreas sanitarias pasarase a ter sete en toda Galicia, e crearanse 14 distritos en torno aos 14 hospitais públicos. Tampouco, asegura, haberá cambios nas contratacións. Deste xeito, dende a EOXI saen ao paso da polémica xerada en torno a este cambio na norma, que ten a oposición da xunta de persoal do Hospital do Salnés e de varios alcaldes da comarca. Estas protestas xa atoparon apoio nos outros centros afectados, que coordinarán mobilizacións para frear o anteproxecto.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
VILAGARCÍA> A xunta de persoal do Hospital do Salnés busca o apoio dos concellos para defender a área sanitaria. Esta mañá, mantiveron un encontro cos representantes dos concellos de Vilagarcía, Cambados, A Illa e Ribadumia, para trazar unha fronte común contra o anteproxecto de lei sa Xunta. Consideran que dá un paso máis na privatización da sanidade pública, polo que responderán coa mobilización social. A xunta de persoal do Hospital do Salnés buscou alianza cos alcaldes da área sanitaria para defender o centro do anteproxecto de lei que quere levar adiante a Xunta. Unha proposta que, aseguran, é un paso máis na privatización da sanidade pública. A súa postura foi defendida tamén polos alcaldes. Ao encontro acudiron os rexedores de Vilagarcía, Cambados e A Illa de Arousa, ademais dunha edil do concello de Ribadumia. Catoira non puido asistir por problemas de axenda, o mesmo motivo co que desculpou a súa ausencia o alcalde de Vilanova. Un dos primeiros pasos, será elaborar unha moción conxunta para levar aos plenos de todos os concellos que forman parte da área sanitaria de O Salnés. Tamén apostan pola mobilización social. De feito, a xunta de persoal pon a disposición dos que o desexen un texto tipo para presentar suxestións. O vindeiro xoves a xunta de persoal manterá un encontro con concelleiros doutros grupos políticos e cos sindicatos. Tamén buscarán unha folla de ruta común coas áreas sanitarias de Monforte, Burela e O Barco, as outras afectadas polo anteproxecto.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
BOIRO> A Xunta de Galicia colabora coa Federación Galega de Ciclismo no reparto de cortaventos reflectantes destinados a garantir a visibilidade dos deportistas nas estradas e a aumentar así a súa seguridade. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, realizou esta mañá en Boiro a entrega destas prendas.
GALICIA> A primeira Lei de Portos de Galicia será remitida ao Parlamento para que comece a súa tramitación. Este regulamento permitirá, segundo a administración galega, mellorar as infraestruturas e os servizos dos 122 peiraos dependentes da Xunta.
Publicado en GALICIA
PONTEVEDRA> A nova estación para Pontevedra está cada vez máis preto. Esta mañá, Xunta e concello asinaron o convenio que dará o impulso definitivo a este proxecto. Como novidade, a intención do goberno autonómico é crear un espazo intermodal entre as estacións de tren e de autobús, para facilitar os desprazamentos entre ambas. Un espazo intermodal unirá as estacións de tren e autobús en Pontevedra. Esta é a aposta do novo proxecto para a cidade, que hoxe cobrou pulo trala sinatura do convenio entre a Xunta e o concello capitalino, que teñen o compromiso de consensuar os traballos. Ambas terminais estarán unidas por un itinerario peonil a pé de rúa protexido por unha pérgola. A actuación contempla tamén a reordenación da zona actual de aparcadoiro fronte a estación de autobuses, que incluirá unha parada de taxis e un espazo para parar diante e deixar ou recoller pasaxeiros. Suprimirase, ademais, a actual saída que se trasladará a Josefina Arruti. No marco deste proxecto a Xunta inclúe tamén 1,5 millóns de euros para a reforma da estación de autobuses. Unha intervención que renovaría a fachada e a cuberta, reordenaría espazos e melloraría sistemas eléctricos, iluminación e mobiliario. A actuación contará cun investimento de 4 millóns de euros. Un deles sairá das arcas municipais. A intención é que a obra estea contratada no segundo semestre de 2018, cun prazo de execución aproximado de doce meses. Rueda destacou que, ademais da estación intermodal, a Xunta tamén investiu cartos na capital para a ampliación de Montecelo, a reforma do antigo edificio administrativo de Benito Corbal, a variante de Alba e o novo edificio xudicial de A Parda.
Publicado en PONTEVEDRA
A ILLA> O conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, trasladouse esta mañá ata o illote de Areoso na Illa de Arousa, onde visitou os traballos que se están a realizar no xacemento arqueolóxico que alí se sitúa. Rodríguez afirmou que este "é un dos xacementos máis importantes de Galicia".
Publicado en SALNÉS - CALDAS
Pontevedra> A Xunta de Galicia di que non ten ningún problema en sentarse a dialogar sobre a comarcalizacion do parque de bombeiros en Pontevedra. Iso sí, ten claro que unha das clave para levar a cabo esta demanda é non realizar un maior investimento neste servizo. A Xunta di que na actualidade é a Deputación de Pontevedra a que non se quere sentar a analizar esta problemática.
Publicado en PONTEVEDRA
Pontevedra> O deputado socialista López Font criticou duramente o mapa de emerxencias que onte lles presentou o vicepresidente da Xunta da nosa comunidade. Font di que se trata dunha encerrona que obriga ás deputacións galegas a asinar un papel onde nada se fala dun modelo de isócronas.
Publicado en PONTEVEDRA
Páxina 1 de 19
HomeSUCESOSMostrando artigos por etiqueta: Xunta de Galicia Top of Page

Síguenos en facebook